Unha tipoloxía particular de cruceiro é o denominado cruceiro de capela, chamados así porque o fuste remata nunha pequena capeliña aberta á fronte, que leva no interior a imaxe da Virxe. Sobre o teito desta capeliña érguese a cruz característica dos cruceiros.
A maioría dos que se puideron datar corresponden ó século XVII, aínda que hai exemplares datados entre o XVI e o XVIII. Suxeriuse que están relacionados cos rollos ou picotas castelás, pelourinhos en Portugal, dos que xa non queda ningún en Galicia[1].
↑Os rollos eran columnas de pedra que indicaban algún tipo de xurisdición (dun señor, do concello, da igrexa etc.), é dicir, a potestade para xulgar e condenar. As picotas eran columnas semellantes pero colocadas na entrada ós lugares e onde se xulgaba un reo, deixándoo atado a ela ou mesmo expoñendo a cabeza se for axustizado. Moitos rollos cumpriron tamén a función de picota. Naceron xa no século XIII e perduraron ata 1813, cando as Cortes de Cádiz ordenaron a súa demolición; en moitos casos esta orde obviouse transformándoos en cruceiros.