Roma | |
---|---|
Monarquía | |
República | |
Imperio | |
Principado | Dominado |
Imperio de Occidente | Imperio de Oriente |
Maxistrados Ordinarios: | |
Maxistrados Extraordinarios: | |
Oficiais e Títulos: | |
Institucións e normas: | |
Cursus honorum ("carreira dos honores"),[1] é a denominación da carreira política en Roma e que consistía nunha sucesión das etapas que os cidadáns que se adicaban á vida pública tiñan que seguir. Para desempeñar unha maxistratura precisábanse unha serie de requisitos como; ser cidadán romano; dispor dunha certa fortuna (posto que os cargos eran de balde, non se recibía remuneración ningunha) e, deste xeito, se formaba parte da elite patricio-plebea; non estar en ningunha causa de indignidade e ter demostrado unha mínima experiencia na xestión dos asuntos públicos.[2]
Os aspirantes debían ir subindo chanzos progresivamente, de tal xeito que para acadar unha maxistratura tíña que ascender dende a escala inmediatamente inferior. O cursus honorum comprendía catro etapas que debían desempeñar sucesivamente: 1ª cuestor; 2ª edil; 3ª pretor; 4ª cónsul.
- Os cuestores (quaestores aerarii) tiñan como función coidar do tesouro público, levar as contas do estado e custodia-lo arquivo, que estaba depositado no templo de Saturno.[3]
- Os edís estaban encargados de velar polo bo funcionamento da administración municipal e ademais controlaban os festexos, os mercados e coidaban os templos.
- Os pretores encargábanse da administración de xustiza.
- Os cónsules debían ser dous. Tiñan o poder supremo e eran os xefes do exército e presidían o Senado.Había dous cónsules anuais, chamados ordinarii ou ordinarios, que daban nome ao ano (epónimos), e un ou máis substitutos ou suffecti.
Ademais destes cargos existían outros que non pertencían ao cursus honorum:
- Tribunos da plebe: velaban polos dereitos dos plebeos.
- Censores: confeccionaban o censo de cidadáns e vixiaban a pureza dos costumes.
- Ditador: era unha maxistratura extraordinaria á que só se recorría cando as graves circunstancias así o requirían, polo que todos os poderes se concentraban nunha persoa. Dispuña dun prazo de seis meses para resolver o problema que suscitara a súa proclamación.