Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde maio de 2014.) |
Durante degli Alighieri ou simplemente coñecido Dante, nado en maio ou xuño de 1265 e finado o 13 ou 14 de setembro de 1321[1], é considerado por gran parte dos italianos como o seu poeta maior na Idade Media. Naceu e viviu gran parte da súa vida en Florencia. O seu poema, de cariz épico e teolóxico, A divina comedia, origxinalmente chamado Comedìa (en italiano moderno: Commedia) e máis tarde cristianizado como Divina por Boccaccio, é considerada a obra mestra da literatura italiana e unha dos cumes da literatura universal.[2] É o culminar da afirmación do modo medieval de ver o mundo[1] e a base da lingua italiana moderna.
A finais da Idade Media, a meirande parte da poesía estaba escrita en latín, e só era accesible para audiencias educadas. Porén, en De vulgari eloquentia, Dante defende o emprego das linguas vernáculas na literatura. Mesmo chegou a escribir en toscano en obras como Vita nuova (1295) e na devandita Divina Comedia. Esta escolla, malia ser pouco ortodoxa, sentou un importante precedente que outros escritores italianos como Petrarca ou Boccaccio continuarían. Como resultado, Dante tivo un papel chave no estabelecemento da lingua nacional de Italia. A relevancia de Dante tamén se estende alén do país, as súas descricións do Inferno, do Purgatorio e do Ceo serviron de insipiración para un gran número de obras de arte occidental, e son citadas como influencias nas obras de John Milton, Geoffrey Chaucer, William Shakespeare e Lord Alfred Tennyson, entre outros.
En italiano é coñecido como il Sommo Poeta («o Poeta Supremo»). A Dante tamén se lle considera o «pai do idioma» italiano (chamado volgare naquela época).[3] A súa primeira biografía foi escrita por Giovanni Boccaccio (1313-1375), no Trattatello in laude di Dante.