Degradosoma

O degradosoma é un complexo multiproteico presente na maioría das bacterias que está implicado no procesamento do ARN ribosómico e a degradación do ARN mensaxeiro e está regulado por ARN non codificante. Contén as proteínas ARN helicase B, RNase E e polinucleótido fosforilase.[1] Outras ensamblaxes encimáticas parecidas ao degradosoma poden atoparse noutros seres vivos.

O almacenamento do ARN nas células está flutuando constantemente. Por exemplo, en Escherichia coli, a duración dun ARN mensaxeiro é de entre 2 e 25 minutos, noutras bacterias podería ser máis longa. Incluso en células en repouso o ARN degrádase de maneira constante e os produtos nucleotídicos resultantes deste proceso son despois reutilizados en novs roldas de sínteses de ácidos nucleicos. O recambio do ARN é moi importante para a regulación xénica e control de calidade metabólica.

Todos os organismos teñen varias ferramentas para a degradación do ARN, como as ribonucleases, helicases, nucleotidiltransferases dos extremos 3' (que engaden colas a todos os transcritos), encimas que colocan ou eliminan as caparuzas 5' e diversas proteínas que se unen ao ARN que axudan a modelar o ARN para a súa presentación como substrato ou para o recoñecemento. Frecuentemente, estas proteínas asócianse formando complexos estables nas cales as súas actividades son coordinadas e cooperativas. Moitas destas proteínas do metabolismo do ARN están representadas nos compopñentes do degradosoma de ARN multiencimático de Escherichia coli, que está constituído por catro compoñentes básicos: a endorribunuclease hidrolítica RNase E, a exorribonulease fosforolítica PNPase, a ARN helicase dependente de ATP (RhIB) e un encima enolase glicolítico.

O degradosoma de ARN foi descuberto en dous laboratorios independentemente que traballaban na purificación e caracterización da RNAase E de E. coli e de factores que podían ter influencia na actividade dos encimas que degradaban o ARN, como a PNPase. Descubriuse cando dous dos seus principais compoñentes estaban a ser estudados.

  1. Carpousis AJ (2002). "The Escherichia coli RNA degradosome: structure, function and relationship in other ribonucleolytic multienzyme complexes". Biochem. Soc. Trans. 30 (2): 150–5. PMID 12035760. doi:10.1042/BST0300150. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy