Democracia

Este mapa reflicte os achados da investigación da Freedom House Freedom in the World 2007 (Liberdade no mundo 2007), que informa sobre o estado da liberdade no mundo durante o ano 2006. É unha das medidas máis xeralmente empregadas da democracia polos investigadores. Hai que fixarse en que malia que estas medidas están moi correlacionadas, non implica que se poidan intercambiar      País libre      País parcialmente libre      País sen liberdades

A democracia (do grego demos, "pobo", e kratos, "goberno", é dicir, "goberno do pobo") é un réxime político no que a soberanía reside no pobo e é exercida por este de maneira directa ou indirecta.

Máis concretamente, a democracia é unha forma de goberno na que, en teoría, o poder para cambiar as leis e as estruturas de goberno, así como o poder de tomar todas as decisións de goberno reside na cidadanía. Nun sistema así, as decisións tanto lexislativas coma executivas son tomadas polos propios cidadáns (democracia directa) ou por representantes escollidos mediante eleccións libres, que actúan representando os intereses dos cidadáns (democracia representativa).

Na práctica, na historia inicial da democracia primou o compoñente directo, pero na actualidade todos os sistemas democráticos do mundo son principalmente de tipo representativo.

Esta definición xeral ten algúns matices. Non todos os habitantes dun determinado municipio, rexión ou estado democráticos participan na política, senón só aqueles que ostentan de pleno dereito a condición de cidadáns, e dentro destes, só aqueles que elixen participar, xeralmente mediante o voto nunhas eleccións ou calquera outro proceso electoral coma o referendo.

O día 15 de setembro celébrase o Día Internacional da Democracia.[1] O obxectivo desta celebración é salientar a importancia da liberdade dos medios de comunicación libres, independentes e pluralistas, para a democracia e a paz.

  1. "Proteger la libertad de prensa para la democracia" (en castelán). 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy