O derbi entre o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña é o enfrontamento deportivo entre os dous principais clubs de fútbol galegos, o Celta de Vigo e o Deportivo da Coruña. Téñense enfrontado en máis de 200 ocasións, ao longo dun século dunha rivalidade que naceu no mesmo ano da fundación do Celta, 1923.[1] Os dous primeiros enfrontamentos producíronse na tempada 1924/25 do Campionato de Galicia, gañando o primeiro deles o Deportivo por 3-0, no antigo campo de Riazor, idéntico resultado ao obtido no partido de volta no campo de Coia, desta vez con vitoria céltica. Dende entón sucedéronse os encontros entre os dous equipos en diferentes categorías e campionatos, a maioría deles en Primeira e Segunda División, pero tamén en Segunda B, Copa do Rei e outras competicións, incluídos partidos amigables como os disputados no Trofeo Cidade de Vigo ou o Teresa Herrera.