Diamante

Diamante
Diamante de cor amarela en forma cúbica
Fórmula químicaC
ClaseElementos nativos
Sistema cristalinoCúbico
CorIncolora, branca, amarela, parda, vermella, verde e azul
BrilloAdamantino
Dureza10
FracturaConcoidea
ExfoliaciónPerfecta, segundo as caras do octaedro ou cubo
RaiaBranca
Densidade3,25 g/cm3

En mineraloxía, o diamante[1] (do grego antigo αδάμας, adámas, que significa invencible ou inalterable) é un alótropo do carbono onde os átomos de carbono están dispostos nunha variante da estrutura cristalina cúbica centrada na cara denominada "rede de diamante". É a segunda forma máis estable do carbono, despois do grafito; porén, a taxa de conversión de diamante a grafito é desprezable a condicións ambientais. Ten renome especificamente como un material con características físicas superlativas, moitas das cales derivan do forte enlace covalente entre os seus átomos. En particular, o diamante ten a máis alta dureza e condutividade térmica de todos os materiaiss coñecidos polo ser humano. Estas propiedades determinan que a súa aplicación industrial principal sexa en ferramentas de corte e de puído, ademais doutras aplicacións. Tamén son a razón pola que as células de bigonia de diamante poden someter materiais a presións que se atopan nas profundidades da terra.

É un dos minerais máis preciados do mundo polas súas características físicas. Ten características ópticas destacables. Debido á súa estrutura cristalina extremadamente ríxida, apenas é contaminado por poucos tipos de impurezas, como o boro e o nitróxeno. Se a isto se lle engade a súa gran transparencia (correspondente a unha ampla banda prohibida de 5,5 eV), o resultado é a aparencia clara e incolora da maioría dos diamantes naturais. Pequenas cantidades de defectos ou impurezas (aproximadamente unha parte por millón) inducen unha cor de diamante azul (boro), amarelo (nitróxeno), marrón (defectos cristalinos), verde, violeta, rosado, negro, laranxa ou vermello. O diamante tamén ten unha dispersión refractiva relativamente alta, isto é, habilidade para dispersar luz de diferentes cores, que lle dá o seu brillo característico. As súas excelentes propiedades ópticas e mecánicas, combinadas cunha mercadotecnia eficiente, fan que sexa a xema máis popular.

A maioría dos diamantes naturais fórmanse en condicións de presión e temperatura extremas, existentes a profundidades de 140 km a 190 km no manto terrestre. Os minerais que conteñen carbono abastéceno, e o crecemento ten lugar nun período de tempo de 1.000 a 3.300 millóns de anos que representa, aproximadamente, entre o 25 % e o 75 % da idade da Terra. Os diamantes ascenden ata preto da superficie terrestre no magma producido por erupcións volcánicas profundas, que se arrefría en rochas ígneas, coñecidas como kimberlitas e lamproítos. Tamén poden ser producidos sinteticamente nun proceso de alta presión e alta temperatura que simula aproximadamente as condicións no manto da Terra. Unha alternativa e técnica completamente diferente, é a deposición química de vapor. Algúns materiais distintos ao diamante, entre os que están a zirconia cúbica e o carburo de silicio, son denominados frecuentemente simulantes de diamante, semellándose ao diamante en aparencia e moitas propiedades. Desenvolvéronse técnicas xemológicas especiais para distinguir os diamantes naturais dos sintéticos de dos simulantes de diamante.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para diamante.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in