Diatomeas | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Diatomeas mariñas | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
| |||||||||
Ordes | |||||||||
As diatomeas[1] ou bacilarofíceas[2] (do grego dia/tomos, 'dividido' ou 'cortado en dous') son un dos principais grupos de algas, e un dos tipos máis comúns de organismos do fitoplancto. A maioría das diatomeas son unicelulares, pero poden existir tamén en forma de colonias con forma de filamento ou fita (por exemplo, Fragilaria), abanos (por exemplo, Meridion), zigzag (por exemplo, Tabellaria), ou formas estreladas (por exemplo, Asterionella). As diatomeas son autótrofas, é dicir, produtores nas cadeas tróficas dos ecosistemas. Unha característica das células das diatomeas é que están dentro dunha parede celular feita de sílice (dióxido de silicio hidratado) chamada frústulo ou frústula. Estes frústulos teñen unha gran diversidade de formas, pero xeralmente constan de dúas metades asimétricas cunha división entre elas, característica da que procede o nome do grupo. A evidencia fósil suxire que se orixinaron durante, ou antes, do período Xurásico inferior. As comunidades de diatomeas son moi utilizadas para a monitorización das condicións ambientais pasadas e presentes, e úsanse frecuentemente en estudos da calidade da auga. Algunhas diatomeas poden moverse por medio de flaxelos, pero a maioría non.