Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde febreiro de 2021.) |
Un director de orquestra, ou unha directora de orquestra, é a persoa encargada de conducir a música que interpreta unha orquestra. O seu labor é moi arduo. A partir do estudo profundo e intensivo dunha partitura, deberá encargarse de unificar a interpretación dunha obra que interpretará un grupo amplo de músicos. Mentres conduce a música, debe estar atento a que a versión que construíu na súa cabeza de determinada obra (produto da análise) estea a soar no momento do ensaio e/ou concerto. Ao mesmo tempo, debe potenciar a cada músico para lograr o maior rendemento da agrupación musical.
Durante os ensaios, debe dar as indicacións que considere importantes aos músicos que integran unha agrupación orquestral. As súas indicacións poden abarcar desde un matiz, unha maneira de vibrar os sons ou sobre a maneira de unificar a interpretación de determinada sección dunha obra. Tamén está atento á afinación, ao empaste, ao ensamble e ao balance que a orquestra desenvolve.
Aínda que a figura do director é relativamente nova en termos históricos, nalgún punto a súa función estivo sempre presente. Existen agrupacións que non teñen director fixo pero que contan cun director musical que, basicamente, decide varios puntos esenciais para a interpretación correcta da obra.