Dodo

Dodo
Raphus cucullatus

Rango fósil: Holoceno

Modelo dun dodo no Museo de Historia Natural da Universidade de Oxford.
Estado de conservación

Extinto dende 1662[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Subclase: Neornithes
Infraclase: Neognathae
(sen clasif.): Columbimorphae
Orde: Columbiformes
Familia: Columbidae
Subfamilia: Raphinae
Xénero: Raphus
Brisson, 1760
Especie: R. cucullatus
Nome binomial
Raphus cucullatus
(Linnaeus, 1758)
Antiga distribución localizada en Mauricio
Antiga distribución localizada en Mauricio

Antiga distribución localizada en Mauricio
Sinonimia
  • Struthio cucullatus Linnaeus, 1758
  • Didus ineptus Linnaeus, 1766

O dodo,[2] Raphus cucullatus, era unha ave non voadora extinta e endémica da illa de Mauricio, ó leste de Madagascar no océano Índico. O seu familiar xenético máis próximo era o tamén extinto Pezophaps solitaria, formando ámbalas dúas especies a subfamilia dos rafinos da familia dos colúmbidos (pombas). O seu familiar existente máis próximo é o Caloenas nicobarica. Antigamente críase que existira un dodo branco na illa de Reunión, mais considérase que isto foi unha confusión co Threskiornis solitarius debido a diversas representación gráficas de dodos brancos.

Os restos subfósiles que se conservan indican que o dodo medía ó redor dun metro de altura e podería pesar entre os 10,6 e os 17,5 kg. A súa aparencia só se coñece por medio dos debuxos, pinturas e rexistros escritos do século XVII. Debido a que estes varían de forma considerable e a que só algunhas das ilustracións están feitas a partir de exemplares vivos, a súa aparencia exacta non se coñece ó completo, e hai moi pouca información sobre o seu comportamento. Malia que historicamente o dodo considerábase un animal gordo e torpe, o consenso científico actual indica que era unha especie ben adaptada ó seu ecosistema. As diversas representacións amósano cunha plumaxe de cor marrón agrisada, patas amarelas, unha mata de plumas na cola, unha cabeza espida de cor gris e un bico verde. Utilizaba gastrólitos para axudarse na dixestión da comida, que incluiría froitos, e o seu hábitat principal serían os bosques nas zonas costeiras máis secas de Mauricio. Segundo un dos rexistros escritos conservados, a súa posta era dun só ovo. Os investigadores cren que o dodo quedou sen a capacidade de voar pola gran dispoñibilidade de fontes de alimentos e a ausencia relativa de predadores na illa de Mauricio.

A primeira mención rexistrada dun dodo é a duns mariñeiros holandeses no ano 1598. Nos anos seguintes esta ave foi cazada por mariñeiros e especies invasoras, ó mesmo tempo que o seu hábitat foi quedando destruído. O último avistamento amplamente recoñecido dun dodo foi en 1662. A súa extinción non chamou a atención inmediatamente, e algúns chegaron a consideralo unha criatura lendaria. No século XIX levouse a cabo unha investigación cunha pequena cantidade de restos de catro espécimes que se levaran a Europa a comezos do século XVII. Entre estes restos atopábase unha cabeza seca, o único tecido brando que se conserva desta especie. Dende entón recolectouse unha gran cantidade de material subfósil en Mauricio, procedente na súa maioría do sitio paleontolóxico denominado pantano de Mare aux Songes. A extinción do dodo en menos dun século desde o seu descubrimento chamou a atención do previamente non recoñecido problema da implicación humana na desaparición de especies enteiras. O dodo deuse a coñecer ó público xeral trala súa aparición na historia de Alicia no País das marabillas, e dende ese momento pasou a fixarse na cultura popular, de forma máis usual como símbolo da extinción e da obsolescencia.

  1. "Raphus cucullatus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. 2012. Consultado o 7 de abril de 2014. 
  2. "Dodo". Digalego. Xunta de Galicia. Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2017. Consultado o 18 de setembro de 2017. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy