Un edificio sen rematar é unha construción ou calquera estrutura arquitectónica (como unha casa, unha ponte, unha estrada ou unha torre) que foi abandonada, suspendida por un período de tempo ou que unicamente existe en planos.
Tamén pode referirse a un edificio no comezo da súa construción, en especial aqueles nos que esta foi atrasada ou o traballo na obra progresou a un ritmo moi vagaroso.
Moitos proxectos de construción ou de enxeñería quedaron sen terminar en diversas etapas do seu desenvolvemento. O traballo puido quedar nun plano e nunca ser realizado ou abandonado durante a súa construción.
Un dos edificios máis coñecidos aínda sen rematar é a Basílica da Sagrada Familia de Antoni Gaudí, que está situada na cidade de Barcelona. A súa construción comezou en 1882 e prevese que a data da súa finalización, tendo en conta o ritmo actual, sexa no ano 2026.