Embarazo | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Muller embarazada | |
ICD-10 | Z33 |
ICD-9 | 650 |
DiseasesDB | 10545 |
MedlinePlus | 002398 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O embarazo, gravidez, preñazo ou preñez dunha muller é o período que transcorre entre a implantación do cigoto no útero ata o momento do parto. Durante este período prodúcense na muller importantes cambios fisiolóxicos, metabólicos e incluso morfolóxicos coa finalidade de protexer, nutrir e permitir o desenvolvemento do feto, como son a interrupción dos ciclos menstruais, ou o aumento do tamaño das mamas para preparar a lactación. O termo xestación refírese máis ben aos procesos fisiolóxicos de crecemento e desenvolvemento do feto no interior do útero materno. Así, en teoría, a xestación é do feto e o embarazo da muller, se ben na práctica moitas persoas utilizan ambos termos coma sinónimos.
Na especie humana as xestacións acostuman ser dun único feto, aínda que tamén se poder dar embarazos múltiples. A aplicación de técnicas de reprodución asistida está facendo aumentar a incidencia de embarazos múltiples nos países desenvolvidos.[1]
O embarazo humano dura unhas 40 semanas desde o primeiro día da última menstruación ou ben 38 semanas desde a fecundación (aproximadamente uns 9 meses). O primeiro trimestre é o momento de maior risco de aborto espontáneo; o inicio do terceiro trimestre considérase o punto de viabilidade do feto (aquel a partir do cal pode sobrevivir extraútero sen soporte médico).