Endonuclease

As endonucleases son un tipo de encimas que cortan (clivan) os enlaces fosfodiéster do interior dunha cadea de polinucleótidos. Diferéncianse das exonucleases en que estas cortan empezando nos extremos da cadea, e non no interior. Hai endonucleases en procariotas, eucariotas e virus. As endonucleases están implicadas na reparación do ADN e na maduración do ARN eucariótico, e outras na defensa que fan as bacterias e arqueas contra a penetración de ADN alleo mediante un mecanismo chamado de restrición-modificación. Algunhas endonucleases cortan o ácido nucleico en puntos aleatorios, pero algunhas endonucleases de procedencia bacteriana ou arqueana clivan o ácido nucleico só cando recoñecen nel secuencias nucleotídicas específicas, e denomínanse endonucleases de restrición ou encimas de restrición, que son de grande importancia en biotecnoloxía.[1][2] A secuencia nucleotídica que as endonucleases de restrición recoñecen para a clivaxe denomínase sitio de restrición, o cal xeralmente é unha secuencia palindrómica duns poucos nucleótidos de longo (4-6). A maioría das endonucleases de restrición cortan as dúas febras do ADN de forma desigual, deixando unha das cadeas máis longas por cada lado, e estas partes monocatenarias que colgan ou sobresaen son complementarias entre si e denomínase extremos cohesivos ou pegañentos. Este tipo de extremos poden servir para conectarse por hibridación con secuencias nucleotídicas desexadas, que quedan seladas ao utilizar un encima ADN ligase. Coñécense centos de encimas de restrición, cada un dos cales se une a un sitio de restrición diferente. Os fragmentos de ADN clivados pola mesma endonuclease poden unirse de novo a pesar da orixe diversa que poida ter o ADN, orixinando así un ADN recombinante formado pola unión de xenes no laboratorio en distintas combinacións.[3][4] Outras endonucleases cortan por igual as dúas febras do ADN, xerando extremos romos.

  1. (Cox, Nelson & Lehninger 2005, p. 952)
  2. Kilpatrick, Stephen T.; Krebs, Jocelyn E.; Lewin, Benjamin; Goldstein, Elliott (2011). Lewin's genes X (en inglés). Boston, Massachusetts: Jones and Bartlett. ISBN 0-7637-6632-1. 
  3. (Cox, Nelson & Lehninger 2005, p. 307)
  4. Simon, M. (2010). Emergent computation: Emphasizing Bioinformatics (en inglés). Nova York: Springer. p. 437. ISBN 1441919635. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy