Epiro

Mapa do Epiro antigo.
Provincia romana de Epiro.
O Epiro medieval.
O despotado de Epiro.

Epiro[1][2] (en grego: Ήπειρος, Epeiros, que significa 'continente') é unha rexión xeográfico-histórica dos Balcáns habitada na antigüidade por diversas tribos gregas e hoxe compartida por Grecia e Albania. Na actualidade a maior parte desta rexión é unha das 13 periferias de Grecia chamada periferia de Epiro, e a parte de Albania é coñecida como Epiro Setentrional. Os seus límites eran: ao norte con Iliria e Macedonia, ao sur co golfo de Ambracia e Etolia, ao leste con Tesalia e ao oeste co mar Xónico. O sector central e setentrional de Epiro durante a antigüidade clásica constituía a rexión chamada Molosia. O sistema montañoso chamado Pindo separa esta rexión de Tesalia.

Foi, e segue sendo, unha rexión agraria na que se cultiva sobre todo trigo e outros cereais, verduras, froitas, oliveiras e tabaco.

Toda a rexión mantivo frecuentes guerras coa súa veciña Macedonia, excepto no período no que os reis de Molosia crearon lazos de amizade con Filipo II de Macedonia que casou coa princesa Olimpia de Epiro, filla de Neoptólemo, e futura nai de Alexandre Magno. O seu máximo esplendor tívoo a finais do século IV e principios do III a. C., co rei Pirro. A súa principal cidade era Dodona, famosa polo seu oráculo e situada no reino subordinado de Molosia. Durante o reinado de Alexandre de Epiro, a residencia real foi establecida na cidade de Butrinto. No ano 146 a. C. pasou a formar parte do Imperio romano. No século IV, coa división do imperio, este pasou a ser parte do dominio oriental, tamén coñecido como imperio bizantino de Constantinopla. No século XIV constituía un reino medieval que chegou a ser vasalo de Albania; en 1430, a rexión encontrábase baixo o poder do Imperio Otomán.

Despois da Guerra dos Balcáns (1912–1913), o sur pasou a ser parte da actual Grecia e a zona norte de Epiro foi incorporada a Albania (Epiro Setentrional).

  1. Benigno Fernández Salgado, ed. (2004). Dicionario Galaxia de usos e dificultades da lingua galega. Editorial Galaxia. p. 1289. ISBN 9788482887524. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para epirota.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in