Era dos descubrimentos

O mapa de Fra Mauro (1459) en Venecia, constituíu unha das primeiras descricións prácticas de Europa, África e Asia

A chamada era dos descubrimentos ou era das exploracións foi un período histórico que comezou a principios do século XV estendéndose ata comezos do século XVII. Durante esta época os navíos de Europa percorreron os mares do mundo á busca de novos socios e rutas comerciais cos que contribuír ao incipiente capitalismo europeo. Durante estas exploracións, os europeos descubriron nacións e cartografaron territorios que anteriormente non coñecían. Entre os exploradores máis famosos de Era dos Descubrimentos atópanse Cristovo Colón, Vasco da Gama, Pedro Álvares Cabral, Juan de la Cosa, Bartolomeu Dias, Xoán Caboto, Juan Ponce de León, Fernão de Magalhães e Juan Sebastián Elcano. Afrontaron a navegación oceánica cuns medios precarios: non podían determinar con precisión a lonxitude,[1] os cascos de madeira das naves eran atacados por bromas,[2] a alimentación resulaba inaxeitada para as longas travesías[3] e a hixiene e as condicións de vida a bordo eran malas. Con todo, impulsados pola economía, e para acrecentar territorios de imperios e nacións, aqueles homes realizaron expedicións que ensancharon o mundo coñecido.

  1. Este asunto trouxo de cabeza aos matemáticos e navegantes durante séculos, así como aos Imperios do momento. A cuestión da lonxitude converteuse en materia de Estado: a cada vez máis frecuente navegación oceánica carecía de algo tan elemental como poder determinar con precisión unha das coordenadas da posición dun buque en mar aberto. As consecuencias eran perdas de tempo, de cargas, e, como non, naufraxios frecuentes. Non será senón ata o século XVIII cando o reloxeiro inglés John Harrison resolva o problema ao construír un cronómetro eficaz. A partir de entón calquera nave coñecía a hora do porto de saída, en calquera momento, de xeito que comparándoa coa hora de a bordo ao culminar o Sol -mediodía-, ou outro astro coñecido, a lonxitude da posición, o meridiano, calculábase inmediatamente.
  2. Os bromas ou teredos son uns moluscos mariños que furan a madeira mergullada, escavando túneles nela. Podían ser devastadores nas naves de entón, destruíndo, literalmente, os cascos,
  3. O escorbuto cebábase nas tripulacións.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy