Erecteion | |
---|---|
Erecteion, vista do conxunto | |
Presentación | |
Nome local | Ἐρέχθειον |
Localización | Atenas, Grecia |
Estilo | Arquitectura clásica |
Tipo | Templo grego |
Propietario | Goberno de Grecia |
Declaración | Patrimonio da Humanidade |
Construción | |
Inicio | 421—406 a. C. |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Mnesicles, Calícrates ou Filocles |
O Erecteion (en grego: Έρέχθειον Erechtheion) é un templo grego erixido no lado norte da Acrópole de Atenas na honra aos deuses Atenea Poliás, Poseidón e Erecteo, rei mítico da cidade. De orde xónica, áptero, é un dos máis fermosos monumentos arquitectónicos gregos. A súa construción atribúese ao arquitecto Mnesicles, autor tamén dos Propileos. O Erecteion está feito de mármore do Pentélico. A súa construción iniciouse no -421 e rematouse no -406. O seu nome, que significa «o que sacode a Terra », designa o alcume ático de Poseidón.
O Erecteion substituíu o templo arcaico de Atenea Poliás que se atopaba entre o Partenón e o lugar actual, que fora destruído polos persas no -480 no tempo das Guerras médicas.
De planta irregular, polo declive do terreo, consta de tres pórticos. Un deles, a cara sur, é a famosa tribuna das Cariátides, que indicaba a tumba do mítico rei Cécrope. Consta de seis columnas con figura de muller de 2,3 metros de altura, que sosteñen o entaboamento. As que se atopan in situ son copias exactas das orixinais, das que 5 se atopan no Museo da Acrópole, e a sexta no Museo Británico de Londres. A tribuna contaba con decoración policromada.
O templo atópase na localización da Acrópole primitiva e agrupaba algunhas das reliquias máis antigas e máis sacras dos atenienses; é neste lugar onde tivo lugar a disputa entre Atenea e Poseidón, podéndose ver a marca do seu tridente sobre unha rocha. Áchase alí tamén o Paladio, unha estatua de Atenea, consagrada por Cécrope, o rei mítico do Ática, e onde se cre que ela caera do ceo; as tumbas de Cécrope e de Erecteo; no sur, unha capela dedicada a Pándroso, a filla de Cécrope; un pozo de auga salgada e a oliveira sacra, que Atenea deu á poboación trala súa disputa con Poseidón.