Escultura

A Venus de Milo no museo do Louvre en París. Exemplo de vulto redondo
Busto de Aristóteles.

A escultura[1] (do latín sculptūra) é unha das belas artes que representa imaxes plásticas de relevancia total ou parcial. Existen varias técnicas de traballar os materiais para a creación dun obxecto. A diferenza da pintura, a cal se crea nun plano -un espazo ficticio de dúas dimensións-, a escultura é unha forma de expresión artística en tres dimensións o vulto redondo, ou de relevo, altorrelevo ou baixorrelevo, todo empregando o espazo real. O escultor actúa sobre diferentes materiais que transforma mediante procesos de talla e modelaxe, que son os métodos tradicionais. O emprego de diferentes combinacións de materiais e medios orixinou un novo repertorio artístico que comprende procesos co construtivismo e ensamblado. As técnicas escultóricas consisten principalmente en retirar ou xuntar ou moldear materia ou ben dando forma a un obxecto, sexa cal for a súa dimensión ou material usado. Nun sentido xenérico, enténdese por escultura a obra de arte plástica feita polo escultor.

Giorgio Vasari (1511-1573), empeza Le vite de' più eccellenti pittori, scultori e architettori cun prólogo técnico que fala de arquitectura, escultura e pintura, unhas disciplinas agrupadas baixo a denominación de «artes do deseño». A obra é un tratado informativo e valioso sobre as técnicas artísticas empregadas na época. En referencia á escultura comeza así:

... o escultor saca todo o superfluo e reduce o material á forma que existe dentro da mente do artista.

Dende tempos remotos o home tivo a necesidade de esculpir. Ao principio fíxoo cos materiais máis simples e que tiña máis á man: pedra, arxila e madeira. Despois empregou ferro, bronce, chumbo, cera, xeso, plastilina, resina de poliéster e plásticos con reforzo de fibra de vidro, formigón, a cinética e a reflexión da luz, entre outros. A escultura tivo no seu principio unha única función, o seu uso inmediato; posteriormente engadiuse unha función ritual, máxica, funeraria e relixiosa. Esta funcionalidade foi cambiando coa evolución histórica, adquirindo unha principalmente estética ou simplemente ornamental e chegou a ser un elemento duradeiro ou efémero.

O día 6 de marzo celébrase o Día Internacional do Escultor, en lembranza da data de nacemento de Miguel Anxo Buonarroti, acontecida nese día de 1475[2].

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para escultura.
  2. "Día Internacional del Escultor" (en castelán). Consultado o 8.03.2024. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy