A escultura da Roma antiga comprende a obra escultórica desenvolvida en toda a área de influencia da Roma antiga, co foco central en Roma, entre o século VI a. C. e o século V. Orixinariamente derivou da escultura grega, principalmente a través da herdanza da escultura etrusca e, posteriormente, xa dun xeito directo durante o período helenístico, por contacto coas colonias da Magna Grecia e da mesma Grecia.
A tradición grega foi unha referencia constante ao longo da historia de Roma, pero contradicindo a crenza popular estendida que afirma que os romanos foron máis imitadores que creadores, sábese que non só foron quen de asimilar e desenvolver as súas fontes con mestría, senón que tamén contribuíron dun xeito orixinal nesta tradición. Isto é especialmente relevante na arte do retrato, xénero no que acadaron un gran prestixio e deixaron exemplos senlleiros dunha gran calidade técnica e expresiva. Tamén o fixeron no eido da escultura decorativa, presente nos grandes monumentos públicos, e que desenvolveu un estilo narrativo de moita forza e dun carácter tipicamente romano.[1][2][3]
Despois da consolidación do Imperio, outras influencias estranxeiras, maiormente orientais, determinaron un lento mais progresivo afastamento do canon grego en dirección a unha simplificación formal de tendencia abstracta, que estabeleceu as bases da arte bizantina, paleocristiá e medieval. Ese proceso, porén, foi entremediado por diversos períodos de rexurdimento clasicista, que alén de fortaleceren o elo simbólico co pasado foron útiles na mantenza da cohesión política e cultural do territorio romano. Nin mesmo a cristianización do imperio puido determinar a exclusión das referencias clásico-pagás da escultura romana, e no século V, cando a unidade política se crebou definitivamente, os modelos clásicos aínda continuaban sendo emulados, malia que adaptándose aos temas propios da nova orde social, política e relixiosa que se instauraba.[3][4]
O estudo da escultura romana é complexo para os investigadores, pois a súa evolución non se considera nin linear nin lóxica. A pesar das diverxencias entre os estudosos sobre moitos puntos, existe unha idea común sobre as características xerais de cada etapa, mais o xeito de como estas evolucionaron e como se transformaron dunha para outra é un proceso complexo que aínda está lonxe de ser ben comprendido. Existe unha duradeira inclinación cara ao historicismo e o eclecticismo, aínda máis pronunciada do que a que se observou na escultura helenística, xunto coa presenza de estilos ben diferenciados na escultura producida nun mesmo momento histórico para as diferentes clases sociais, e mesmo dentro dunha única clase, atendendo a necesidades de cada tema e situación.[5]
O hábito xeneralizado da copia de obras gregas máis antigas e a permanencia de alusións ao clasicismo grego ao longo de toda a súa historia, mesmo a través do cristianismo primitivo, mantivo vivas unha tradición e unha iconografía que doutro xeito poderían terse perdido. Boa parte do noso coñecemento da cultura e da arte da Grecia antiga transmitiuse desta forma, e maila escultura romana —xunto coa grega— tivo fundamental importancia na formulación da estética do Renacemento e do Neoclasicismo, testemuñando a súa vitalidade e significancia até tempos máis modernos, alén de estar considerada coma un dos corpos artísticos máis importantes da cultura occidental.[4]