État indépendant du Congo (fr) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capital | Vivi (en) (1885–1886) Boma (1886–1908) | ||||
Poboación | |||||
Lingua oficial | lingua francesa | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 2.345.410 km² | ||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Fundador | Leopoldo II de Bélxica | ||||
Creación | 1 de xullo de 1885 | ||||
Disolución | 2 de abril de 1908 | ||||
Sucedido por | Congo Belga | ||||
Organización política | |||||
Forma de goberno | monarquía absoluta | ||||
• Sovereign of the Congo Free State (en) | Leopoldo II de Bélxica (1885–1908) | ||||
Moeda | Franco congolés | ||||
O Estado Libre do Congo tamén coñecido como o "Estado Independente do Congo" (francés: État indépendant du Congo, neerlandés: Kongo-Vrijstaat) foi un grande estado en África Central, na práctica un couto privado, gobernado persoalmente por Leopoldo II de Bélxica entre 1877 e 1908, e non polo goberno de Bélxica, do cal era o monarca constitucional. Leopoldo II conseguiu de facto a propiedade privada mediante a Colonización do Congo, convencendo outros estados de Eurasia na Conferencia de Berlín de que desenvolvería accións humanitarias e filantrópicas e que non impoñería impostos ao comercio.[1] Vía a Asociación Internacional do Congo, puido reclamar a maior parte da Conca do Congo. O 29 de maio de 1885, é dicir, despois do peche da Conferencia de Berlín, o rei anunciou que planeaba nomear as súas posesións "Estado Libre do Congo", unha denominación que aínda non se utilizara na Conferencia de Berlín e que substituíu oficialmente á "Asociación Internacional de Congo " o 1 de agosto de 1885.[2] O Estado Libre do Congo funcionou como un estado corporativo controlado particularmente por Leopoldo II. O estado incluía toda a área da actual República Democrática do Congo e existiu entre 1885 e 1908, cando o goberno de Bélxica o anexou a desgusto.[3]
O reinado de Leopoldo no Congo acabou con infamia por mor das atrocidades perpetradas sobre os habitantes locais. O Estado Libre de Leopoldo II extraeu marfil, caucho e minerais na cunca superior do Congo para a súa venda no mercado mundial a través dunha serie de empresas concesionarias internacionais, aínda que o seu propósito ostensible na rexión era mellorar o nivel de vida da poboación local e desenvolver a zona. Baixo a administración de Leopoldo II, o Estado Libre do Congo converteuse nun dos maiores escándalos internacionais de principios do século XX. O Informe Casement do cónsul británico Roger Casement levou á detención e castigo dos funcionarios responsables de asasinatos durante unha expedición de recolección de caucho en 1903.
A perda de vidas e as atrocidades inspiraron literatura como a novela de Joseph Conrad Heart of Darkness e suscitou unha protesta internacional. Houbo un debate sobre a alta taxa de mortalidade neste período.[4] As estimacións máis ousadas afirman que o sistema de traballo forzado levou directa ou indirectamente á morte ao 50 por cento da poboación.[5] A falta de rexistros precisos dificulta a cuantificación do número de mortes causadas pola desapiadada explotación e a falta de inmunidade ás novas enfermidades introducidas polo contacto cos colonos europeos.[6] Durante a Guerra de propaganda do Estado Libre do Congo, os reformadores europeos e estadounidenses expuxeron atrocidades no Estado Libre do Congo ao público a través do Asociació de Reforma do Congo, fundada por Roger Casement e o xornalista, autor e político E. D. Morel. Tamén participou activamente en expñer as atrocidades no Estado Libre do Congo o autor Arthur Conan Doyle, cuxo libro The Crime of the Congo foi moi lido a comezos de 1900. En 1908, a presión pública e as manobras diplomáticas levaron ao fin do dominio de Leopoldo II e á Carta colonial da anexión de Bélxica do Estado Libre do Congo como colonia de Bélxica. Coñecido posteriormente como o Congo belga. Ademais, unha serie de importantes compañías de investimento belgas empuxaron ao goberno belga a asumir o Congo e desenvolver o sector mineiro, xa que estaba practicamente sen aproveitar.[7]