Estuario

Estuario do río Mattole, na costa norte de California.
Esteiro do río da Prata, Arxentina fotografado pola NASA.

Os estuarios ou esteiros son rexións de costa entrantes, polo xeral longas e estreitas mais sempre cunha saída aberta ao mar, que decorren por unha chaira fluvial ou entran na terra ata o máximo do nivel da marea na boca dun río. Son zonas de transición de augas fluviais, doces, dun ou máis ríos e as augas mariñas, e salgadas.[1][2][3]

Neles dominan tanto os procesos mariños, como as mareas ou as ondas que lles traen augas salobres do océano, e as descargas de auga doce e sedimentación dos ríos. As entradas tanto do mar como das augas fluviais son unha fonte de entrada de nutrientes ao ecosistema que fan que sexan dos hábitats do planeta máis produtivos.[4]

Os estuarios formáronse en zonas de erosión fluvial ou glacial que se viron anegadas por augas no período de subida do nivel do mar do Holoceno, hai entre 10.000–12.000 anos. Nos primeiros estados da súa evolución os estuarios teñen unha forma determinada pola topografía costeira.[2][5] Despois progresan a estados onde a erosión e a deposición de sedimentos se contrarrestan.[6]

Os estuarios clasifícanse polo xeral segundo a súa xeomorfoloxía e polos patróns de circulación das augas. Algún autores só usan estuario para referirse a vales somerxidos, mais algunhas outras definicións danlle o nome de esteiro incluso a formacións como as baías, as docas, os fiordes e as rías; aínda que nalgunhas desas augas só hai auga salgadas e non hai unha mestura coa auga doce. Así, as rías son esteiros formados por vales somerxidos, dun perfil transversal en forma de "V", mais nos que domina por completo unha circulación de auga salgada, agás nas súas zonas interiores de esteiro.[6][7]

Os bancos dos esteiros son das áreas máis poboadas do planeta. A presión antrópica supuxo a degradación do 60% dos hábitats do litoral dos esteiros.[8] A degradación dos hábitats provén de factores como a traída de solo erosionado por deforestación, a chegada de sedimento grazas a eliminación da flora, a agricultura intensiva, a sobrepesca, a drenaxe de augas e ao recheo das zonas húmidas, aos procesos de eutrofización por un exceso de achega de nutrientes que chegan cos desperdicios e o lixo de animais domésticos, a polución de ata mesmo metais pesados ou a contaminación por uso de produtos sanitarios para augas de espazos recreativos, entre outros.[5]

  1. Huggett, Richard (2011-03-15). Fundamentals of Geomorphology. Taylor & Francis. ISBN 978-0-203-86008-3. 
  2. 2,0 2,1 Schubel, J. R. (1982). "Estuarine coasts". Beaches and Coastal Geology. Encyclopedia of Earth Science. Springer US. pp. 397–398. ISBN 978-0-87933-213-6. Consultado o 30/12/2017. 
  3. Pritchard, D. W. (1967). "What is an estuary: physical viewpoint". En Lauf, G. H. Estuaries. A.A.A.S. Publ. 83. Washington, DC. pp. 3–5. 
  4. D. S., McLusky; Elliott, M. (2004). Oxford University Press, eds. The Estuarine Ecosystem: Ecology, Threats and Management. New York. ISBN 0-19-852508-7. 
  5. 5,0 5,1 Wolanski, E. (2007). Elsevier, eds. Estuarine Ecohydrology. Amsterdam. ISBN 978-0-444-53066-0. 
  6. 6,0 6,1 Skilbeck, C. Gregory; Heap, Andrew D.; Woodroffe, Colin D. (2017). "Geology and Sedimentary History of Modern Estuaries". Applications of Paleoenvironmental Techniques in Estuarine Studies. Developments in Paleoenvironmental Research. Springer, Dordrecht. pp. 45–74. ISBN 978-94-024-0988-8. Consultado o 31712/2017. 
  7. Evans, Graham; Prego, Ricardo (15/05/2003). "Rias, estuaries and incised valleys: is a ria an estuary?". Marine Geology 196 (3–4): 171–175. ISSN 0025-3227. doi:10.1016/S0025-3227(03)00048-3. Consultado o 31/12/2017. 
  8. NOAA (eds.). "Estuaries: Human Disturbances to Estuaries". 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy