Eusocialidade

Montículo dunha colonia de térmites: as térmites desenvolveron a eusocialidade no período Xurásico, hai uns 145 millóns de anos.

A eusocialidade é o nivel máis alto de organización da socialidade animal, que se dá en formigas, abellas, térmites e outros animais. Defínese polas seguintes características: crianza cooperativa das crías (incluíndo coidados ás crías doutros individuos), solapamento de xeracións dentro dunha colonia de adultos, e unha división de labores entre grupos reprodutores e non reprodutores. A división de traballos crea grupos con comportamento especializado dentro dunha sociedade animal, que ás veces se denominan castas. A eusocialidade distínguese doutros sistemas sociais porque os individuos de polo menos unha casta xeralmente perden a súa capacidade de realizar polo menos un dos comportamentos característicos dos individuos doutra casta.

A eusocialidade existe en certos insectos, crustáceos e mamíferos. Principalmente obsérvase e foi máis estudada en insectos himenópteros (formigas, abellas, avespas) e en blatodeos isópteros (térmites). Unha colonia ten diferenzas de casta: raíñas e machos reprodutores desempeñan o papel de únicos reprodutores, mentres que os soldados e obreiras traballan conxuntamente para crear unha situación vital favorable para as crías. Ademais dos himenópteros e isópteros, hai dous grupos coñecidos de vertebrados eusociais entre os roedores: as ratas-toupas espidas do corno de África (Heterocephalus glaber) e as ratas-toupas do sur de África (Fukomys damarensis). Algúns camaróns, como Synalpheus regalis, son tamén eusociais. Edward O. Wilson considerou tamén que os humanos eran eusociais, pero os seus argumentos foron refutados por un gran número de biólogos evolutivos, que subliñaron que os humanos non teñen unha división nos labores reprodutivos.[1]

Distinguíronse tamén varios outros niveis de socialidade animal, como a presocial (solitaria pero social), subsocial, e parasocial (incluíndo a comunal, casesocial, e semisocial).

  1. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome Gintis

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy