Exergo (do latín: exergum, desde o grego: ἐξ ἔργου -ex érgou-, "fóra da obra") é o espazo que nunha moeda se acha ás veces por baixo do motivo principal (e, máis raramente, por riba), e aparece frecuentemente delimitado mediante unha liña horizontal.[1][2][3][4][5]
Con frecuencia, o exergo utilízase para indicar a data ou o valor facial da moeda, ou outras informacións como a marca de ceca, o xentilicio, no caso dalgunhas moedas antigas gregas, ou a sinatura do gravador.[6] En ocasións o exergo está ocupado simplemente por elementos decorativos.[7]
Nas moedas da República Romana e de principios do Imperio, as inscricións do exergo refiren adoito ás datas consulares ou á autoridade do Senado, mediante as iniciais SC (Senatus Consulto), en tanto que nas emisións tardorromanas e nas moedas do Imperio Bizantino, o exergo serve con frecuencia para incicar a cidade de procedencia da cuñaxe, ben mediante unha abreviatura ou ben co seu nome completo.[8] En ambos os casos, a inscrición do exergo forma unha liña recta, mentres que o resto da lenda ten un sentido circular.[9]