Fagocito

Micrografía de microscopio electrónico de varrido dun granulocito neutrófilo fagocitando un bacilo do ántrax (laranxa).

Os fagocitos son células que protexen o corpo ao inxeriren partículas estrañas daniñas, bacterias e células mortas ou moribundas. O seu nome vén do grego phagein, 'comer', e "-cito", o sufixo que en bioloxía significa 'célula', procedente do grego kutos, 'recipiente oco'.[1] Son esenciais para loitar contra as infeccións e ter inmunidade.[2] Os fagocitos son importantes en todos os grupos do reino animal[3] e están moi desenvolvidos nos vertebrados.[4] Un litro de sangue humano contén uns seis mil millóns de fagocitos.[5] Descubriunos en 1882 Ilya Ilyich Mechnikov mentres estaba estudando larvas de estrela de mar.[6] Mechnikov recibiu en 1908 o Premio Nobel de Medicina ou Fisioloxía polo seu descubrimento.[7] Os fagocitos aparecen en moitas especies, incluso en microorganismos; algunhas amebas compórtanse como fagocitos macrófagos, o cal suxire que os fagocitos apareceron moi cedo na evolución da vida.[8]

Os fagocitos humanos e doutros animais denomínanse "profesionais" ou "non profesionais" dependendo da súa efectividade á hora de realizar a fagocitose.[9] Os fagocitos profesionais inclúen moitos tipos de leucocitos, como neutrófilos, monocitos, macrófagos, mastocitos e células dendríticas.[10] A principal diferenza entre os fagocitos profesionais e non profesionais é que os fagocitos profesionais teñen na súa superficie moléculas chamadas receptores que poden detectar obxectos daniños, como as bacterias, que non se encontran normalmente no corpo.[11] Os fagocitos son cruciais na loita contra as infeccións e para manter os tecidos sans ao eliminaren as células mortas e moribundas que chegaron ao final da súa vida.[12]

Durante unha infección, os sinais químicos atraen os fagocitos a lugares onde os patóxenos invadiron o corpo. Estes compostos químicos poden proceder das bacterias invasoras ou doutros fagocitos xa presentes. Os fagocitos móvense por medio da quimiotaxe. Cando os fagocitos entran en contacto cunha bacteria, os receptores da superficie dos fagocitos únense a ela. Esta unión causará a fagocitación da bacteria polo fagocito.[13] Algúns fagocitos matan os patóxenos inxeridos con oxidantes e óxido nítrico.[14] Despois da fagocitose, os macrófagos e células dendríticas poden tamén participar na presentación de antíxenos, un proceso no cal o fagocito despraza fragmentos do material inxerido de novo á súa superficie. Este material funciona como un antíxeno e é mostrado a outras células do sistema inmunitario. Algúns fagocitos viaxan despois aos ganglios linfáticos do corpo e mostran este material a un tipo de glóbulos brancos chamados linfocitos. Este proceso é importante para construír a inmunidade,[15] e en moitos patóxenos evolucionaron métodos para evadirse do ataque dos fagocitos.[2]

  1. Little, C., Fowler H.W., Coulson J. (1983). The Shorter Oxford English Dictionary. Oxford University Press (Guild Publishing). pp. 1566–67. 
  2. 2,0 2,1 Delves et al. 2006, pp. 2–10
  3. Delves et al. 2006, p. 250
  4. Delves et al. 2006, p. 251
  5. Hoffbrand, Pettit & Moss 2005, p. 331
  6. Ilya Mechnikov, consultado o 28 de novembro de 2008. From Nobel Lectures, Physiology or Medicine 1901–1921, Elsevier Publishing Company, Amsterdam, 1967. Arquivado 22 de agosto de 2008 en Wayback Machine.
  7. Schmalstieg, FC; AS Goldman (2008). "Ilya Ilich Metchnikoff (1845–1915) and Paul Ehrlich (1854–1915): the centennial of the 1908 Nobel Prize in Physiology or Medicine". Journal of Medical Biography 16 (2): 96–103. PMID 18463079. doi:10.1258/jmb.2008.008006. 
  8. Janeway, Chapter: Evolution of the innate immune system. consultado o 20 de marzo de 2009
  9. Ernst & Stendahl 2006, p. 186
  10. Robinson & Babcock 1998, p. 187 and Ernst & Stendahl 2006, pp. 7–10
  11. Ernst & Stendahl 2006, p. 10
  12. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome pathogenesis
  13. Erro no código da cita: Etiqueta <ref> non válida; non se forneceu texto para as referencias de nome money
  14. Fang FC (outubro de 2004). "Antimicrobial reactive oxygen and nitrogen species: concepts and controversies". Nat. Rev. Microbiol. 2 (10): 820–32. PMID 15378046. doi:10.1038/nrmicro1004. 
  15. Delves et al. 2006, pp. 172–84

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy