A fase G0 é o estado dunha célula que está fóra do ciclo celular replicativo. Clasicamente, pensábase que as células entraban en G0 principalmente debido a factores ambientais, como a deprivación de nutrientes, que limitban os recursos necesarios para a proliferación. Era considerada como unha fase de repouso. Agora sábese que a G0 pode adoptar distintas características e aparecer por múltiples razóns. Por exemplo, a maioría das células neuronais adultas, que están entre as células máis activas metabolicamente do corpo, están totalmente diferenciadas e mantéñense nunha fase G0 terminal. As neuronas permanecen nese estado non debido a unha subministración de nutrientes estocástica ou limitada, senón como parte do seu programa de desenvolvemento.
A G0 presentouse primeiro como un estado da célula baseándose nos estudos iniciais do ciclo celular. Cando estes primeiros estudos definiron as catro fases do ciclo celular utilizando técnicas de etiquetaxe radioactiva, descubriuse que non todas as células dunha poboación proliferan á mesma velocidade.[1] A "fracción de crecemento" dunha poboación (ou fracción da poboación que estaba crecendo) estaba proliferando activamente, máis outras células esncontrábanse en estado non proliferativo. Algunhas destas células non proliferantes podían responder a estímulos extrínsecos e proliferar ao reentrar no ciclo celular.[2] As ideas iniciais enfrontadas consideraban que as células non proliferantes ou ben eran simplemente células que estaban nunha fase G1 prolongada ou ben estaban nunha fase do ciclo distinta de G1, que se denominou G0.[3] As investigacións posteriores sinalaron que había un punto de restrición (punto R) en G1 no que as célula poden entrar en G0 antes de chegar ao punto R, pero quedan destinadas a realizar a mitose despois do punto R.[4] Estes estudos iniciais proporcionaron probas da existencia dun estado G0 cuxo acceso está restrinxido. Estas células que non se dividen máis saen da fase G1 para entrar no estadio inactivo chamado estadio quiescente.