Febre tifoide

Febre tifoide
Clasificación e recursos externos
Manchas rosadas na pel do peito dun paciente afectado por febres tifoides causadas por Salmonella Typhi
ICD-10A01.0
ICD-9002
DiseasesDB27829
MedlinePlus001332 oph
eMedicine686/ med/2331
MeSHD014435
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Non confundir co tifo producido por Rickettsia.

A febre tifoide ou febre entérica é unha doenza infecciosa producida por bacterias do xénero Salmonella[1] do serovar Salmonella enterica subsp. enterica serovar Typhi (antes Salmonella typhi ou bacilo de Eberth). Moi similar á febre tifoide é a febre paratifoide (ambas poden denominarse febre entérica[2][3]) causada por Salmonella enterica subsp. enterica serovar Paratyphi A, B ou C (antes Salmonella paratyphi). O reservorio da febre tifoide é o ser humano, e o mecanismo de contaxio é a vía fecal-oral, a través da inxestión de auga e alimentos contaminados con dexeccións. Non se debe confundir co tifo producido por bacterias Rickettsia e transmitido por piollos e outros artrópodos.

A bacteria entra no corpo por vía dixestiva e chega ao intestino, pasando finalmente ao sangue, causando unha fase de bacteremia cara á primeira semana da doenza; posteriormente localízase en diversos órganos e produce fenómenos inflamatorios e necróticos, debidos á liberación de endotoxinas. Finalmente, as salmonelas expúlsanse ao exterior polas feces. A bacteria causante pode espallarse en condicións de malos hábitros hixiénicos e malas medidas de salubridade públicas, e ás veces a través de insectos, como as moscas, que se alimentan de feces.

No período de incubación, que dura de 10 a 15 días, aprécianse trastornos do estado xeral, unha fase de bacteremia con febre que aumenta progresivamente ata chegar a 39-40 °C e mantense así, cefalea, estupor, roséola no ventre, tumefacción da mucosa nasal, lingua torrada, úlceras no padal e, ás veces, hepatoesplenomegalia e diarrea.

A doenza pode evolucionar ata a súa curación en dúas semanas ou prolongarse con localizacións focais a partir da quinta semana. Se non se somete a un tratamento axeitado poden presentarse complicacións graves, como hemorraxias e perforación intestinal, e choque séptico. Prodúcese un certo grao de inmunidade que, aínda que non protexe fronte ás reinfeccións, cando estas se producen son máis benignas. O estado de portador pode ser transitorio ou crónico.

A aparición desta doenza diminuíu abruptamente no mundo desenvolvido coa xeneralización das medidas de limpeza, potabilización e salubridade públicas e o uso de antibióticos.[4][5]

  1. Diccionario Galego de Termos Médicos. Real Academia Galega de Medicina e Cirurxía, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Xunta de Galicia. 2002. Páxinas 312-313. [1] Arquivado 10 de agosto de 2013 en Wayback Machine.
  2. Parry CM, Beeching NJ (2009). "Treatment of enteric fever". BMJ 338: b1159–b1159. PMID 19493937. doi:10.1136/bmj.b1159. 
  3. Cabello, A (2013). "Fiebre entérica en Madrid. Una revisión de los últimos 30 anos". Enferm Infecc Microbiol Clin. Consultado o 14 de maio de 2013. 
  4. "Controlling Endemic Typhoid Fever > Epidemiology of Microbial Diseases". Universidade Yale. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2014. Consultado o 16 June 2014. 
  5. Brusch; et al. (1 April 2014). "Typhoid Fever". Medscape. Consultado o 16 de xuño de 2014. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in