A feminidade é o conxunto de cualidades pechadas no estereotipo de muller dunha cultura particular. É un concepto que fai referencia a valores, características e comportamentos tanto aprendidos, como a características biolóxicas. O seu complemento é o concepto de masculinidade. O concepto de feminidade tamén desenvolveu o "ideal de feminidade" no senso dun patrón ou modelo desexable de muller.
Enténdese por feminidade un conxunto de atributos asociados ó rol tradicional da categoría muller. Algúns exemplos deses atributos son a comprensión, a delicadeza e a mostra de afecto, a educación e os coidados da descendencia etc. Deste xeito, ó longo da historia dos países occidentais, e aínda hoxe, as mulleres sufriron unha gran presión social para responder diante da sociedade con comportamentos asociados a eses atributos.