Festas romanas

O poeta romano Ovidio escribiu na madurez da súa vida un calendario poético chamado Fastos, onde describe as diversas festas romanas e as lendas relacionadas con cada unha delas. Escribiu un libro por cada mes do ano, dos que só se conservan os seis primeiros.

Os romanos chamaban feriae ás festas. A asistencia ás cerimonias era pública pero non obrigatoria. Interrompíase o comercio, o traballo e os procesamentos, ademais de que se debían evitar as pendencias e as pelexas de particulares. Os escravos efectuaban os seus labores e tamén algúns animais, con excepción dos equinos.

As festas tiñan polo xeral un carácter relixioso (o historiador grego Polibio di que os romanos eran máis relixiosos que os mesmos deuses). Organizábanse tumultuosas procesións nas que os protagonistas levaban máscaras que representaban aos xenios da Terra e a fecundidade. Crese que estes cortexos deron orixe ás representacións de teatro. Algunhas destas manifestacións foron prohibidas polo Senado Romano a partir do ano -186, como ocorreu coas Bacanais, pero as seitas místicas e o pobo seguiu gardando a tradición até ben entrada a época imperial.

Feriae latinae, era unha festa anual, que se celebraba no monte Albano. Era móbil e a data fixábana cada ano os cónsules entrantes, durante a reunión que o Senado convocaba no templo de Xúpiter Óptimo Máximo. O deus festexado era Iuppiter Latiaris.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy