A folla β, lámina β ou folla pregada β é un tipo de estrutura secundaria regular das proteínas, só un pouco menos frecuente ca a estrutura secundaria en hélice alfa. A folla beta está constituída por cadeas (ou febras) beta conectadas lateralmente por polo menos dúas ou tres pontes de hidróxeno, formando unha folla xeralmente pregada e torcida. Unha cadea β é un tramo de cadea polipeptídica de xeralmente entre 3 e 10 aminoácidos de longo cun eixe cunha conformación case totalmente estendida. As asociacións de maior nivel das follas β están implicadas na formación de agregados de proteínas e fibrilas observadas en moitas enfermidades humanas, como poden ser as amiloidoses como a enfermidade de Alzheimer.