Fonte hidrotermal

Véxase tamén: Volcán submarino.
Cheminea branca emitindo dióxido de carbono líquido no respiradoiro Champagne do volcán Eifuku Noroeste, fosa das Marianas.
Cheminea negra hidrotermal mariña.

Unha fonte hidrotermal (tamén ás veces respiradoiro hidrotermal, cheminea hidrotermal ou fumarola hidrotermal) é unha fisura na superficie da codia continental ou oceánica do planeta na cal se emiten materiais acuosos quentes xeotermais. As fontes hidrotermais encóntranse xeralmente preto de lugares volcanicamente activos, que adoitan ser áreas nas que as placas tectónicas se están movendo, cuncas oceánicas, e puntos quentes. As fontes hidrotermais existen porque a Terra é xeoloxicamente activa e ten grandes cantidades de auga na súa superficie e no interior da codia. Tipos comúns destas fontes nos continentes son as fontes de augas termais, fumarolas e géyseres. Baixo o mar, as fontes hidrotermais poden formar estruturas chamadas fumarolas negras ou chemineas negras se emiten un líquido escuro, ou fumarolas brancas ou chemineas brancas se emiten un líquido claro. Comparadas coa maioría do fondo do mar profundo, as áreas arredor das fontes hidrotermais submarinas son máis produtivas bioloxicamente, e a miúdo albergan complexas comunidades que dependen troficamente dos compostos químicos disolvidos que saen cos fluídos hidrotermais. As bacterias quimiosintéticas e arqueas forman a base da cadea trófica, que sostén a vida de diversos organismos, entre os que hai vermes tubícolas xigantes, ameixas, lapas e gambas. Fontes hidrotermais activas crese que existen tamén noutros corpos celestes como na lúa Europa de Xúpiter, e especúlase que en Marte existen antigas fontes hidrotermais.[1]

  1. Paine, M. (15 de maio de 2001). "Mars Explorers to Benefit from Australian Research". Space.com. Arquivado dende o orixinal o 05 de xuño de 2001. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy