Forza

A figura ilustra situacións nas que o concepto de forza é importante: a tracción nunha corda, a forza gravitacional e a forza magnética.

En física, a forza é unha magnitude física que mide a razón de cambio do momento lineal entre dúas partículas ou sistemas de partículas. Segundo unha definición clásica, forza é calquera acción ou influencia capaz de modificar a forma dos materiais ou a cantidade de movemento, producindo unha variación no estado de equilibrio ou de movemento dun corpo, é dicir, capaz de imprimirlle unha aceleración.

Matematicamente , onde p é o momento lineal. A aceleración que experimenta un corpo é, por definición, proporcional á suma das forzas (ou forza neta) que actúa sobre el. A constante de proporcionalidade entre a forza neta e a aceleración denomínase masa (inercial) do corpo. Estas dúas afirmacións resúmense na Lei Fundamental da Dinámica ou Segunda Lei de Newton:

onde representa as forzas que actúan sobre o corpo, a súa masa e a súa aceleración.

As forzas, ao igual que as aceleracións, son magnitudes vectoriais. As magnitudes vectoriais represéntanse matematicamente mediante vectores. A suma na Segunda Lei de Newton é, polo tanto, unha suma vectorial.

Posto que as forzas soamente modifican o estado de movemento dun corpo, para que un corpo se mova non é necesario que actúe sobre el unha forza. As forzas só son necesarias para pór en movemento un corpo que está inmóbil ou para alterar a velocidade dun que está en movemento. Un corpo en movemento sobre o que non actúa ningunha forza seguirá movéndose en liña recta e a velocidade constante indefinidamente. Este feito foi recollido en forma de lei por primeira vez por Newton, na chamada Lei da Inercia ou Primeira Lei de Newton. A observación de que para manter en movemento un corpo non é necesario exercer ningunha acción sobre el era radicalmente contraria á visión clásica, defendida por Aristóteles, que postulaba que un corpo sobre o que non se exercía ningunha influencia sempre terminaba por se deter. O cambio conceptual recollido na Lei da Inercia e o concepto de forza constituíu o punto de partida do desenvolvemento da dinámica moderna e, con ela, da física que hoxe coñecemos.

No Sistema Internacional de Unidades, a unidade de medida de forza é o newton que se representa co símbolo N, nomeada así en recoñecemento a Isaac Newton pola súa achega á física, especialmente á mecánica clásica. O newton é unha unidade derivada do Sistema Internacional de Unidades que se define como a forza necesaria para proporcionar unha aceleración de 1 m/s² a un obxecto de 1 kg de masa.

O concepto de forza non debe confundirse cos de esforzo ou de enerxía. O aparato que permite medir forzas denomínase dinamómetro.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy