Gallaecimonas

Gallaecimonas
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Proteobacteria
Clase: Gammaproteobacteria
Xénero: Gallaecimonas
Especies

G. pentaromativorans
G. xiamenensis

Gallaecimonas é un xénero de bacterias recentemente descrito, descuberto na costa galega. A primeira especie descrita deste xénero foi Gallaecimonas pentaromativorans gen. nov., sp. nov. descuberta por Rodríguez Blanco et al. en 2010 en sedimentos intermareais da ría de Corcubión en Cee, A Coruña [1]. Trátase dunha proteobacteria da clase Gammaproteobacteria con forma de bacilo gramnegativo [2], halotolerante, que se caracteriza por poder degradar hidrocarburos aromáticos policíclicos de elevado peso molecular de 5 aneis. O xene do ARNr 16S mostrou heteroxeneidade, e na cepa estudada CEE_131(T), as súas secuencias indicaron unha distante relación cos xéneros Rheinheimera e Serratia. O seu contido G+C (guanina e citosina) foi de 41,7 mol%.[3][4][5]

É especialmente interesante a capacidade de degradar hidrocarburos aromáticos policíclicos desta bacteria, porque estes hidrocarburos son contaminantes moi comúns vertidos no medio polas actividades humanas, e os de elevado peso molecular con de 4 a 6 aneis son difíciles de degradar, tenden a acumularse nos sedimentos e son mutaxénicos, carcinóxenos ou teratoxénicos.[6]

O nome do xénero procede do nome latino de Galicia, Gallaecia, e do grego monas, 'mónada'. O nome da especie fai referencia a que degrada compostos aromáticos de 5 aneis: pent + aromati + vorans ("devorador de compostos aromáticos con 5 aneis").[1]

Posteriormente, en 2012, Jianning Wang et al. descubriron nun consorcio de bacterias degradadoras de petróleo en mostras extraídas nos arredores da illa de Xiamen (China) a especie Gallaecimonas xiamenensis sp. nov. As análises das secuencias de ARNr da cepa 3C-1-T indicaron que pertencía ao xénero Gallaecimonas cunha semellanza de secuencia do 96,6% ao 96,8 %. O seu contido G+C era do 61,3 mol%. Trátase dun bacilo gramnegativo móbil, que non pode reducir o nitrato.[7]

  1. 1,0 1,1 J.P. Euzéby: List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature Genus Gallaecimonas Arquivado 03 de marzo de 2012 en Wayback Machine. (en inglés)
  2. Rodríguez-Blanco, Arturo; Vetion, Gilles; Escande, Marie-Line; Delille, Daniel; Ghiglione, Jean-François (2010). "Gallaecimonas pentaromativorans gen. nov., sp. nov., a bacterium carrying 16S rRNA gene heterogeneity and able to degrade high-molecular-mass polycyclic aromatic hydrocarbons". International Journal of Systematic and Evolutionary Microbiology 60 (3): 504–509. doi:10.1099/ijs.0.013532-0. 
  3. Rodriguez-Blanco, A.; Vetion, G.; Escande, M.-L.; Delille, D.; Ghiglione, J.-F. (2010-03-01). "Gallaecimonas pentaromativorans gen. nov., sp. nov., a bacterium carrying 16S rRNA gene heterogeneity and able to degrade high-molecular-mass polycyclic aromatic hydrocarbons". INTERNATIONAL JOURNAL OF SYSTEMATIC AND EVOLUTIONARY MICROBIOLOGY (en inglés) 60 (3): 504–509. ISSN 1466-5026. doi:10.1099/ijs.0.013532-0. 
  4. UniProt Genus Gallaecimonas Gallaecimonas (en inglés)
  5. Rodriguez-Blanco, A.; Vetion, G.; Escande, M.-L.; Delille, D.; Ghiglione, J.-F. (2010-03-01). "Gallaecimonas pentaromativorans gen. nov., sp. nov., a bacterium carrying 16S rRNA gene heterogeneity and able to degrade high-molecular-mass polycyclic aromatic hydrocarbons". International Journal of systematic and Evolutionary Microbiology (en inglés) 60 (3): 504–509. ISSN 1466-5026. doi:10.1099/ijs.0.013532-0. (en inglés)
  6. Eisler, R. (1987). Polycyclic Aromatic Hydrocarbons Hazards to Fish, Wildlife and Invertebrates: a Synoptic Review. Biol Report 85 (1.11). Washington, DC: US Fish and Wildlife Service. (en inglés)
  7. Wang, J.; Lai, Q.; Duan, X.; Fu, Y.; Wang, L.; Wang, W.; Shao, Z. (2013-03-01). "Gallaecimonas xiamenensis sp. nov., isolated from seawater". INTERNATIONAL JOURNAL OF SYSTEMATIC AND EVOLUTIONARY MICROBIOLOGY (en inglés) 63 (Pt 3): 930–933. ISSN 1466-5026. doi:10.1099/ijs.0.042283-0. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in