γ-Endorfina | |
---|---|
Outros nomes Tyr-Gly-Gly-Phe-Met-Thr-Ser-Glu-Lys-Ser-Gln-Thr-Pro-Leu-Val-Thr-Leu | |
Identificadores | |
Número CAS | 61512-77-4 |
PubChem | 16138008 |
ChemSpider | 17294517 |
UNII | A65G32VJ2M |
KEGG | C16018 |
ChEBI | CHEBI:80246 |
Imaxes 3D Jmol | Image 1 |
| |
| |
Propiedades | |
Fórmula molecular | C83H131N19O27S |
Masa molecular | 1859.10434 |
Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa. |
A γ-endorfina (gamma-endorfina) é un péptido opiáceo que ten unha lonxitude de 17 aminoácidos, coa secuencia Tyr-Gly-Gly-Phe-Met-Thr-Ser-Glu-Lys-Ser-Gln-Thr-Pro-Leu-Val-Thr-Leu. Os primeiros 16 aminoácidos son idénticos aos da α-endorfina e ademais ten unha leucina adicional no extremo da secuencia. Ademais, a γ-endorfina ten unha secuencia idéntica á da β-endorfina nos primeiros 17 aminoácidos, pero esta última é máis longa. Igual que outras endorfinas, as investigacións sobre a γ-endorfina veñen realizándose desde o seu descubrimento na década de 1970. Porén, a maioría da información sobre o seu papel exacto no corpo aínda ten moito de especulación non firmemente probada. Algúns estudos indicaron que ten efectos antipsicóticos sobre un certo tipo de pacientes de esquizofrenia, mentres que outros suxiren que a γ-endorfina pode actuar contribuíndo a regular a presión arterial. Aínda que isto necesita ser máis investigado, se a γ-endorfina posúe realmente esas características, podería utilizarse como un medio útil de tratamento.[1]
Hipotetizouse que a γ-endorfina pode exercer un papel no abuso de alcohol, así como en problemas neurolóxicos. O xene DRD2 codifica un receptor da dopamina, e unha mutación neste xene pode orixinar trastornos neurolóxicos e psicolóxicos. A falta de γ-endorfina in utero orixina a sobreexpresión do alelo DRD2-A2 deste xene. O alelo DRD2-A1 incrementa o desexo de alcohol e está asociado con baixos niveis de γ-endorfina.[2] Os argumentos para relacionar a γ-endorfina con problemas psicolóxicos son fortes, pero cómpren máis investigacións para confirmar isto.
A γ-endorfina encóntrase na glándula pituitaria en humanos e noutros animais, como as ratas. Realizouse un experimento no que se purificou a substancia de glándulas pituitarias humanas e con varios procedementos bioquímicos e inmunolóxicos como a cromatografía de filtración en xel e cromatografía de alto rendemento, no que se atoparon 0,7 nmol de γ-endorfina.[3]