George Lawrence Mikan, Jr. nado en Joliet (Illinois) 18 de xuño de 1924 e finado en Scottsdale (Arizona) o 1 de xuño de 2005, foi un xogador de baloncesto estadounidense que destacou na década dos anos 50 xogando durante sete tempadas na NBA, todas elas nas filas dos Minneapolis Lakers e unha máis na NBL, nos Chicago American Gears. Xogando sempre cunhas grosas lentes redondas, este xogador de 2,08 metros de altura e 111 quilos está considerado a primeira superestrela da liga profesional norteamericana, redefinindo o xogo dos denominados "homes altos" co seu lanzamento de gancho ambidextro, produto da súa propia técnica de adestramento.[1] Recibiu o alcume de "Mr. Basketball".[2]
Mikan tivo unha exitosa carreira como xogador, gañando sete campionatos da NBA, un MVP do All-Star Game tras xogar o encontro en catro ocasións, tres títulos de máximo anotador do campionato, e sendo elixido en seis ocasións no mellor quinteto da liga. Foi tan dominante que causou o cambio de varias regras do xogo, entre elas a ampliación da "zona de persoal" (coñecida como a "Regra Mikan") e a introdución do reloxo de 24 segundos.[3]
Tras a súa carreira profesional, Mikan chegou a ser un dos fundadores da American Basketball Association (ABA), sendo comisionado desa liga, sendo tamén vital para o nacemento da franquía dos Minnesota Timberwolves. Nos seus últimos anos de vida, viuse inmerso nunha batalla xudicial contra a NBA loitando en favor das pensións dos xogadores retirados, cando a liga non era tan lucrativa como na actualidade. Faleceu tras unha longa loita contra a diabetes.[4] Polas súas proezas, Mikan foi incluído no Basketball Hall of Fame en 1959 e formou parte dos equipos do 25 e 35 aniversario da NBA e dos "50 mellores xogadores da historia da NBA" elixidos en 1996. Dende abril de 2001, unha estatua súa lanzando o seu tradicional gancho preside o vestíbulo do estadio Target Center de Minnesota.[5][6]