O glaciar (do latín glacies) é unha grosa masa de xeo que se orixina na superficie terrestre por compactación e recristalización da neve, mostrando evidencias de fluxo no pasado ou na actualidade. A súa existencia é posíbel cando a precipitación anual de neve supera a evaporada en verán, polo cal a maioría se atopa en zonas próximas aos polos, aínda que existen noutras zonas montañosas, como por exemplo no territorio suízo. O proceso do crecemento e estabelecemento do glaciar chámase tamén glaciación.