Glicosaminoglicano

Condroitín-sulfato (unidade disacárida que se repite).
Ácido hialurónico (-4GlcUAβ1-3GlcNAcβ1-)n.

Os glicosaminoglicanos (GAG), antes chamados mucopolisacáridos, son un tipo de heteropolisacáridos formados por cadeas longas e non ramificadas de azucres compostas xeralmente por unha unidade repetitiva de disacárido coa fórmula xeral (azucre ácido - aminoazucre)n. Constitúen a fracción glicídica dos proteoglicanos, un tipo de biomoléculas formadas por proteínas e polisacáridos de función estrutural presentes fundamentalmente no tecido conectivo, epitelial e óseo, e no medio intercelular.

O aminoazucre dos glicosaminoglicanos pode ser D-glicosamina ou D-galactosamina, e nel o grupo amino está normalmente acetilado coa fin de eliminar a súa carga eléctrica positiva, pero tamén pode levar un grupo sulfato no carbono 4 ou 6 ou nun nitróxeno non acetilado. Os máis habituais son a N-acetilglicosamina ou a N-acetilgalactosamina. O azucre ácido do glicosaminoglicano pode ser un ácido D-glicurónico ou ben L-idurónico, agás no queratán sulfato, no que o normal é que haxa unha galactosa. Cada monosacárido está unido ao seguinte por un enlace glicosídico de diversos tipos segundo o glicosaminoglicano de que se trate (enlaces alfa ou beta, enlaces 1-3 ou 1-4 etc.). Este tipo de conformación confire resistencia á estrutura. Adoitan ter uns 300 residuos de azucre, que colgan das proteínas ás que están unidos, menos o ácido hialurónico, que ten varios miles [1].

A presenza dos grupos sulfato e carboxilo destes azucres dálles aos glicosaminoglicanos unha intensa carga negativa, que atrae catións e proteínas da matriz e fainos moi hidrófilos, polo que tenden a formar xeles na matriz extracelular. Esta intensa hidratación dálle á matriz resistencia á compresión. Como estes xeles son moi porosos, permiten a rápida difusión de moléculas hidrosolubles, a migración de células e o desenvolvemento dos procesos celulares. A rixidez das cadeas de glicosaminoglicanos fai que non se enrolen globularmente, senón que adoptan conformacións moi estendidas enroladas ao chou, que ocupan un grande volume, enchendo a matriz extracelular.

  1. Champe, PC; Harvey, RA y Ferrier, DR: (2004). Lippincott Williams & Wilkins, ed. Biochemistry. ISBN 0-7817-2265-9. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy