Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2017.) |
O golf[1] é un deporte de precisión, que ten como obxectivo introducir unha bóla nos buracos que están distribuídos no campo co menor número de golpes, empregando para cada tipo de golpe un pau dun conxunto de paus lixeiramente diferentes entre eles, xa que a cabeza do pau ten graos distintos, igual que as varas teñen lonxitudes distintas. A menor número de graos maior lonxitude da vara e polo tanto máis distancia. Como máximo poden levarse 14 paus.
O golf ten as súas orixes no século XV en Escocia, onde os pastores se entretiñan golpeando croios con paus ata chegar a unha meta. Co tempo os pastores perfeccionaron o xogo e introduciron as primeiras regras básicas.
Máis tarde o golf chegou á aristocracia e á alta burguesía. Desenvolvéronse os paus e as bólas, engadindo diversas bases de metais, para poderen golpear a maior ou menor distancia as bólas e mellorar as súas traxectorias. Tamén xurdiron os primeiros campos de golf e establecéronse regras máis precisas para o xogo. Co incremento das distancias dos golpes mesmo comezaron a usarse vehículos especializados para os desprazamentos, aínda que tamén se usen para achegarse ó punto de partida dos campos dende a recepción se está moi afastado. A meta converteuse nun buraco, no que debía entrar a bóla despois dun número determinado de golpes.