Gravidade

Caída libre de martelo e pluma: o astronauta David Scott (da misión Apollo 15) á Lúa interpretando o experimento de Galileo (1.38 MB, ogg/Theora format).
Astronauta en ausencia de gravidade.
A forza do salto supera a da gravidade.

A gravidade (do latín gravitas), tamén denominada interacción gravitacional ou gravitación, é un fenómeno natural polo cal os obxectos con masa ou enerxía son atraídos entre si, efecto maiormente observable na interacción entre os planetas, estrelas, galaxias e demais obxectos do universo, incluída a luz. É unha das catro interaccións fundamentais que orixina a aceleración que experimenta un corpo físico nas proximidades dun obxecto astronómico. A gravidade é a responsable de moitas das estruturas a grande escala do universo, como a formación de estrelas a partir da atracción gravitacional de masas gasosas, ou a agrupación destas en galaxias e cúmulos.

A gravidade é a máis débil das catro interaccións fundamentais en física, aproximadamente 1038 veces máis débil cá interacción forte, 1036 veces menor cá forza electromagnética e 1029 veces menor cá interacción débil. Non ten, polo tanto, influencia importante a nivel de partículas subatómicas. Pola contra, é a interacción dominante a escala macroscópica, sendo a causa da formación, forma e traxectoria (órbita) dos obxectos astronómicos.

Para a maioría das aplicacións e a nivel macroscópico, a gravidade está ben aproximada pola Lei da gravitación universal de Newton, que describe a gravidade como unha forza que fai que dous corpos sexan atraídos entre si, cunha magnitude proporcional ao produto das súas masas e inversamente proporcional ao cadrado da distancia entre eles. No entanto, a gravidade descríbese con maior precisión mediante a teoría xeral da relatividade (proposta por Albert Einstein en 1915), que describe a gravidade non como unha forza, senón como unha consecuencia do movemento de masas ao longo de liñas xeodésicas nun espazo-tempo curvo causado pola distribución desigual da masa. O exemplo máis extremo desta curvatura do espazo-tempo é un burato negro, do cal nada, nin sequera a luz, pode escapar unha vez pasado o horizonte de sucesos do burato negro.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in