Gripe

Gripe
Clasificación e recursos externos
Partícula viral ou "virión" do virus da gripe.
ICD-10J10, J11
ICD-9487
DiseasesDB6791
MedlinePlus000080
eMedicineped/3006
MeSHD007251
Aviso médico.
Aviso médico.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

A gripe[1] ou influenza[2], é unha enfermidade infecciosa de aves e mamíferos causada por un tipo de virus de ARN da familia dos Orthomyxoviridae.

Nos seres humanos afecta ás vías respiratorias, inicialmente pode ser similar a un arrefriado e con frecuencia acompáñase de síntomas xerais como dor de garganta, debilidade, dores musculares (mialxias), dor estomacal, articulares (artralxias) e de cabeza (cefalea), con tose (que xeralmente é seca e sen mucosidade), malestar xeral e algúns signos como poida ser a febre.[3] Nalgúns casos máis graves pode complicarse con pulmonía (pneumonía), que pode resultar mortal, especialmente en nenos pequenos e sobre todo en anciáns. Aínda que se pode confundir co arrefriado común (catarro), a gripe é unha enfermidade máis grave e está causada por un tipo diferente de virus.[4] Tamén pode provocar, máis a miúdo en nenos, náuseas e vómitos,[3] que ao ser síntomas de gastroenterite fai que se denomine gripe estomacal ou abdominal.[5]

A gripe xeralmente transmítese polo ar desde individuos infectados a través de pingas en forma de aerosol cargadas de virus (procedentes de secreción nasal, bronquial ou saliva que conteña algúns deles[6]), que son emitidos coa tose ou cos esbirros ou só ao falar. Tamén é transmisible pola sangue[3] e polas superficies ou obxectos contaminados co virus, que se denominan fomites.

Os virus da gripe resisten máis en ambiente seco e frío. Poden conservar a súa capacidade infectiva durante unha semana á temperatura do corpo humano, durante 30 días a 0 °C e durante moito máis tempo a menores temperaturas.[7][8] Pode ser facilmente inactivado mediante deterxentes ou desinfectantes.[9][10][11]

A gripe distribúese en epidemias estacionais que provocan centos de miles de defuncións, que pasan a ser millóns nos anos de pandemia (epidemia global). Durante o século XX producíronse cinco pandemias de gripe debido á aparición por mutación de diferentes cepas do virus. A miúdo estas novas cepas xurdiron a partir do transvasamento de cepas típicas de animais ao ser humano, no que se denomina salto de especie ou heterocontaxio. Unha variante mortal do virus da gripe aviar denominada H5N1 pasou por ser a principal candidata para a seguinte pandemia de gripe en humanos desde que traspasou a barreira de especie nos anos 1990 e provocou decenas de defuncións en Asia, ata a aparición da neogripe A (H1N1) en 2009. Afortunadamente aquela variante aviar non mutou e non pode transmitirse de persoa a persoa, pois só afectou a humanos desde aves contaxiadas e ese contaxio non é fácil pois require unhas condicións moi especiais.[12]

Nos países desenvolvidos establecéronse campañas de vacinación anual fronte á gripe para as persoas con maior risco de contraer a enfermidade ou que son máis vulnerables ás súas complicacións,[13] así como controis estritos ás aves de curral.[14] A vacina humana habitual é a trivalente, que contén proteínas purificadas e inactivadas das tres cepas que se consideran van ser as máis comúns na seguinte epidemia: dous subtipos do virus A da gripe e un do virus B.[15] Unha vacina elaborada un ano pode non ser eficaz ao seguinte debido ás frecuentes e rápidas mutacións (cambios nos seus antíxenos) que sofre o virus, e á dominancia variable das diferentes cepas.

O tratamento é só sintomático e nos casos graves e hospitalarios é só de mantemento de constantes, pois os fármacos antivirais teñen unha eficacia moi limitada (os máis eficaces son os inhibidores da neuraminidase) e non carecen de toxicidade. Os antibióticos só son útiles se hai infección bacteriana asociada.

O prognóstico é bo con recuperación parcial á semana e total aos quince días, sendo, nas epidemias habituais, os exitus letalis consecuencia da patoloxía ou do deficiente estado inmunitario, previos á infección gripal.

En España a gripe é de declaración obrigatoria, non nominal e non urxente. Todos os venres ha de remitirse ás autoridades sanitarias o número de casos novos atendidos durante a semana. Antes de 2009 nunca se requiría enquisa epidemiolóxica, dada a súa alta morbilidade (cantidade porcentual de afectados) pero esta si debe realizarse hoxe en día nos casos de neogripe A, ata antes da confirmación polo laboratorio.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para gripe.
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para influenza.
  3. 3,0 3,1 3,2 Merck Sharp & Dohme de España, S.A. (2005). "CAPÍTULO 186. Infecciones víricas". Manual Merck de información médica para el hogar (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 23/07/2013. Consultado o 15/11/2013. 
  4. Eccles, R (2005). "Understanding the symptoms of the common cold and influenza". Lancet Infect Dis 5 (11): 718–25. PMID 16253889. doi:10.1016/S1473-3099(05)70270-X. 
  5. Kristina Duda, R.N (22 de decembro de 2006). "Seasonal Flu vs. Stomach Flu". About.com, forma parte de The New York Times Company (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 07 de xullo de 2011. Consultado o 1, 10 2008. 
  6. Lucy Atkins (15 de febreiro de 2005). "It's OK, you can kiss me". The Guardian (en inglés). Consultado o 26, 04 2012. 
  7. Reid AH, Fanning TG, Hultin JV, Taubenberger JK (1999). "Origin and evolution of the 1918 "Spanish" influenza virus hemagglutinin gene". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 96 (4): 1651–6. PMID 9990079. doi:10.1073/pnas.96.4.1651. 
  8. J Gen Virol 87 (2006), 3655-3659; DOI 10.1099/vir.0.81843-0 Arquivado 27 de novembro de 2010 en Wayback Machine. article Recent H5N1 avian Influenza A virus increases rapidly in virulence to mice after a single passage in mice says "To prepare the original virus stock for this study, virus was propagated once in the allantoic cavity of embryonated eggs at 37 °C for 1–2 days and then stored at –80 °C until use."
  9. Suarez, D; Spackman E, Senne D, Bulaga L, Welsch A, Froberg K (2003). "The effect of various disinfectants on detection of avian influenza virus by real time RT-PCR". Avian Dis 47 (3 Suppl): 1091–5. PMID 14575118. 
  10. Center for Infectious Disease Research & Policy (CIDRAP) (28 de agosto de 2008). "Avian Influenza (Bird Flu): Implications for Human Disease". Academic Health Center - Universidad de Minnesota (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de xuño de 2013. Consultado o 1, 10 2008. 
  11. Reuters (28 de agosto de 2008). "Flu viruses 'can live for decades' on ice". The New Zealand Herald (en inglés). Consultado o 1, 10 2008. 
  12. World Health Organization (WHO) (febreiro de 2006). "Avian influenza (" bird flu") - Fact sheet" (en inglés). Consultado o 1, 10 2008. 
  13. World Health Organization (WHO) (19 de agosto de 2005). "WHO position paper: influenza vaccines" (PDF). Weekly epidemiological record, Vol. 80, 33, pp. 277–288 (en inglés). Consultado o 1, 10 2008. 
  14. Villegas, P (1998). "Viral diseases of the respiratory system". Poult Sci 77 (8): 1143–5. PMID 9706079. 
  15. Horwood, F; Macfarlane J (2002). "Pneumococcal and influenza vaccination: current situation and future prospects" (PDF). Thorax. 57 Suppl 2: II24–II30. PMID 12364707. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy