Guernica (cadro)

Guernica
ArtistaPablo Picasso
Data1937
Técnicaóleo sobre lenzo
Dimensións349 cm × 776 cm
LocalizaciónMuseo Raíña Sofía (Madrid)
Pablo Picasso.

O Guernica é un cadro pintado por Pablo Picasso en 1937, cuxo título alude ó bombardeo de Gernika ocorrido o 26 de abril do mesmo ano, no transcurso da guerra civil española. Foi pintado por encargo do Goberno da República Española para ser exposto no pavillón español durante a Exposición Internacional de 1937 en París, xunto ás obras doutros afamados artistas españois, co propósito de chamar a atención internacional cara á causa republicana en plena guerra civil.

Rematada a guerra e instaurada a ditadura de Franco, Picasso decidiu que o cadro permanecese en depósito no Museo de Arte Moderna de Nova York, aínda que expresou a súa vontade de que regresase a España cando se reinstaurase a democracia. Por fin, en 1981 o cadro foi entregado ó Goberno español para ser exposto primeiro no Casón do Bo Retiro e, desde 1992, no Museo Raíña Sofía, de Madrid, onde se presenta en exhibición permanente xunto ós esbozos preparatorios e mailas fotografías que fixo Dora Maar durante a elaboración do cadro.

A súa interpretación foi obxecto de polémicas, pero o seu valor artístico está fóra de discusión, ata ser considerada unha das obras máis importantes da arte do século XX e mesmo unha icona do século XX.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy