Hades

Busto de Hades. Copia romana en mármore dun orixinal grego do século V a. C.; o manto escuro é un engadido moderno (Museo Nacional Romano).

Hades (/ˈades/; en grego antigo: ᾍδης, romanizado: Hā́idēs [háːi̯dεːs], máis tarde [háːdεːs]), na mitoloxía e relixión da Grecia antiga, é o deus dos finados e rei do inframundo, do cal o seu nome se tornou sinónimo.[1] A palabra facía referencia en Homero só ao deus; sendo o xenitivo ᾍιδού Haidou un elisión para designar localización: ‘[a casa/dominio] de Hades’. Finalmente tamén o nominativo chegou a designar a morada dos mortos.

Na mitoloxía grega, Hades é o fillo varón maior de Crono e Rea. Segundo o mito, el e os seus irmáns Zeus e Poseidón derrotaron aos Titáns e reclamaron o goberno do cosmos, adxudicándose o inframundo, o ceo e o mar, respectivamente; a terra sólida, desde moito antes provincia de Xea, estaba dispoñible para os tres ao mesmo tempo.

Hades tamén era chamado Plouton (en grego antigo Πλούτων, xenitivo Πλούτωνος, ‘o rico’), nome que os romanos latinizaron como Plutón. Os antigos romanos asociaron a Hades/Plutón coas súas propias deidades ctónicas, Dis Pater e Orco. O deus etrusco equivalente era Aita.

O termo «hades» na teoloxía cristiá (e no Novo Testamento Grego) é paralelo ao hebreo sheol (שאול, ‘tumba’ ou ‘pozo de sucidade’), e alude á morada dos mortos. O concepto cristián de inferno parécese máis ao Tártaro grego, unha parte profunda e sombría do Hades usada como alxube de tormento e sufrimento.

  1. Cartwright, Mark. "Hades". 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in