Harry Potter e a pedra filosofal

Este artigo trata sobre o libro; para outros usos véxase a información sobre o filme e mais o videoxogo.
Harry Potter e a pedra filosofal
Título orixinalHarry Potter and the Philosopher's Stone
Autor/aJ. K. Rowling
Ilustrador/aThomas Taylor
CubertaThomas Taylor (primeira edición)
OrixeReino Unido
LinguaInglés
ColecciónHarry Potter
Tema(s)mago e Pedra filosofal
Xénero(s)Fantasía
EditorialBloomsbury (Reino Unido)
Data de pub.26 de xuño de 1997
FormatoCapa dura
Páxinas223 (primeira edición)
ISBNISBN 978-0-7475-3269-9
Seguido porHarry Potter e a Cámara dos Segredos
Premios
Primeira edición galega
TraduciónMarilar Aleixandre
EditorialGalaxia
Data de pub.1 de xaneiro de 2003
Páxinas256
ISBNISBN 978-84-8288-496-7
Artista da cubertaDolores Avedaño[1]
editar datos en Wikidata ]

Harry Potter e a pedra filosofal (en inglés: Harry Potter and the Philosopher's Stone) é unha novela de fantasía escrita pola autora británica J. K. Rowling. É a primeira novela da saga Harry Potter e a primeira novela de Rowling, e conta a historia de Harry Potter, un mozo meigo que descobre a súa herdanza máxica no seu undécimo aniversario, cando recibe unha carta de aceptación na Escola Hogwarts de Maxia e Feiticería. Harry fai amigos íntimos e algúns inimigos durante o seu primeiro ano na escola e coa axuda dos seus compañeiros Ron Weasley e Hermione Granger, enfróntase a un intento de regreso do mago escuro Lord Voldemort, quen matou os pais de Harry, pero non puido matalo a el cando tiña só 15 meses.

O libro publicouse orixinalmente no Reino Unido o 26 de xuño de 1997 a través da editorial Bloomsbury. Publicouse nos Estados Unidos o ano seguinte por Scholastic Corporation baixo o título Harry Potter and the Sorcerer's Stone. Gañou a maioría dos premios literarios británicos que foron xulgados por nenos e outros premios nos Estados Unidos. A novela atinxiu os primeiros postos da lista dos máis vendidos de ficción de New York Times en agosto de 1999 e permaneceu aí durante 1999 e boa parte do ano 2000. Traduciuse a, cando menos, 73 linguas, e fíxose unha versión cinematográfica da mesma, así como seis secuelas. A novela vendeu máis de 120 millóns de copias, converténdose no cuarto libro máis vendido de tódolos tempos.[2][3] A versión en lingua galega foi publicada o 1 de xaneiro de 2003 pola Editorial Galaxia.

A maioría das valoracións foron moi favorables, comentando a imaxinación, o humor, o estilo sinxelo e directo de Rowling e a intelixente construción argumental, aínda que algúns criticaron que os capítulos finais parecían precipitados. A súa escrita foi comparada coa de Jane Austen, unha das autoras favoritas de Rowling, coa de Roald Dahl, cuxas obras dominaban as historias infantís antes da aparición de Harry Potter, e co autor grego Homero. Mentres algúns críticos consideraron que o libro fai unha ollada ao pasado cara ás historias dos internados vitorianos e eduardianos, outros consideraron que sitúa o xénero firmemente no mundo moderno ao presentar problemas éticos e sociais contemporáneos, así como a superar obstáculos como o acoso escolar.

A serie Harry Potter utilizouse como unha fonte de leccións obxectivas sobre técnicas educativas, análise sociolóxica e mercadotecnia.

  1. Dolores Avedaño foi a encargada de realizar a portada para a versión en castelán, mais os seus debuxos usáronse tamén para as versións galegas e hispanoamericanas.
  2. Chalton, Nicola; Macardle, Meredith (2017-03-15). 20th Century in Bite-Sized Chunks (en inglés). Book Sales. ISBN 978-0-7858-3510-3. 
  3. "Burbank Public Library offering digital copies of first 'Harry Potter' novel to recognize the book's 20th anniversary". Burbank Leader (en inglés). 2018-09-05. Arquivado dende o orixinal o 9 de outubro de 2020. Consultado o 2020-09-03. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in