As hidrolases son unha clase de encimas que catalizan reaccións químicas de hidrólise, nas cales unha molécula de auga ataca e rompe un enlace, e que seguen a seguinte reacción xeral:
R-R' + H2O ⇌ R-OH + R'-H
Entre elas encóntranse as esterases, que hidrolizan enlaces éster, as peptidases, que hidrolizan enlaces peptídicos, as glicosidases, que hidrolizan enlaces glicosídicos, ou as fosfatases, que hidrolizan produtos fosfatados, separando un fosfato.
As hidrolases en xeral non necesitan a colaboración de coencimas para realizaren a súa catálise. Son activables por catións.
As hidrolases son abundantes nos lisosomas da célula. As hidrolases lisosómicas son hidrolases ácidas, xa que requiren un pH arredor de 5 para a súa activación. Están pechadas dentro da membrana impermeable para elas do lisosoma, xa que a súa liberación súpeta no citoplasma pode lisar a célula. Dentro do orgánulo realizan a dixestión celular.