O hiperrealismo é un xénero dentro da pintura que trata de darlle ás imaxes o aspecto dunha fotografía. Aplícase tamén o termo ó movemento dado nos Estados Unidos e en Europa a finais dos anos sesenta e principios dos setenta[1]. Considérase o hiperrealismo unha evolución do fotorrealismo estadounidense. Existe tamén o hiperrealismo dentro da escultura, aínda que nese caso non se aplica a máxima de que as obras tiñan que parecerse á fotografía, senón que no caso da escultura teñen que parecerse á propia realidade.
Destacan dentro desta escola artística Richard Estes, Robert Bechtle ou Ralph Goings na pintura; Duane Hanson, Carole Feuerman ou Ron Mueck na escultura. En Galicia pintores como Manuel Quintana Martelo ou Baldomero Pestana poden relacionarse co movemento.