As histonas son proteínas con moitos residuos alcalinos ou básicos presentes no núcleo celular dos eucariotas que empaquetan e ordenan o ADN en unidades estruturais chamadas nucleosomas.[1][2] Son os principais compoñentes proteicos da cromatina, actúan como unha especie de carretes aredor dos cales se enrola o ADN, e xogan un papel importante na regulación xénica. Sen histonas o ADN estaría desenrolado nos cromosomas e sería moi longo (a razón lonxitude/largura sería de máis de 10 millóns a 1 no ADN humano). Por exemplo, cada célula humana ten uns 1,8 metros de ADN, pero se están enrolados sobre as histonas formando cromatina ten só uns 90 milímetros (0,09 m), e, máis tarde, cando se duplica e condensa a cromosomas durante a mitose, ocupa unha lonxitude de só 120 micrómetros.[3]