Historia da pintura

A historia da pintura é unha póla da historia da arte que abarca no tempo desde a prehistoria ata o mundo contemporáneo e se estende a todas as diferentes culturas.[1]

A historia da pintura tivo un desenvolvemento cronolóxico e estilístico paralelo en gran medida ao resto das artes plásticas, aínda que con diversas particularidades no tempo e o espazo debidas a numerosos factores, desde os derivados das diversas técnicas e materiais empregados na súa confección ata factores socio-culturais e estéticos, xa que cada pobo e cada cultura desenvolveu ao longo do tempo distintos conceptos de plasmar a imaxe que recibe do mundo circundante.

A carreta de argazo. de Serafín Avendaño unha mostra da pintura galega no Museo de Pontevedra
A creación de Adán (1508-1512), de Michelangelo, na Capela Sistina (Vaticano).

A pintura é a arte e técnica de crear imaxes a través da aplicación de pigmentos de cor sobre unha superficie, sexa papel, tea, madeira, parede etc. Adóitase dividir en pintura mural (fresco, témpera) ou de cabalete (témpera, óleo, pastel), e igualmente pode clasificarse segundo o seu xénero (retrato, paisaxe, bodegón etc). A pintura foi durante séculos o principal medio para documentar a realidade, reflectindo nas súas imaxes o devir histórico das distintas culturas que se sucederon ao longo do tempo, así como os seus costumes e condicións materiais.

A clasificación da pintura como arte variou ao longo do tempo: na antigüidade era considerada un mero oficio artesanal, mentres que se consideraban actividades artísticas as relacionadas co intelecto. Galeno dividiu no século II a arte en artes liberais e artes vulgares, segundo se tiñan unha orixe intelectual ou manual: entre as liberais atopábanse a gramática, a retórica e a dialéctica -que formaban o trivium-, e a aritmética, a xeometría, a astronomía e a música -que formaban o quadrivium-; as vulgares incluían a arquitectura, a escultura e a pintura, pero tamén outras actividades que hoxe se consideran artesanía..[2] Non foi ata o século XVI que empezou a considerarse que a arquitectura, a pintura e a escultura eran actividades que requirían non só oficio e destreza, senón tamén un tipo de concepción intelectual que as facían superiores a outros tipos de manualidades. Iniciabase así o concepto moderno de arte, que durante o Renacemento adquiriu o nome de arti do disegno (artes do deseño), por canto comprendían que esta actividade -o deseñar- era a principal na xénese das obras de arte.[3] Para rematar, en 1746, Charles Batteux estableceu en As belas artes reducidas a un único principio a concepción actual de belas artes, concepto que fixo fortuna e chegou ata a actualidade.[4]

Na historia da pintura é primordial o estudo dos estilos artísticos: cada período histórico gozará dunhas características concretas e definibles, comúns a outras rexións e culturas, ou ben únicas e diferenciadas, que irán evolucionando co devir dos tempos. De aí xorden os diversos estilos, que poden ter un orixe xeográfico ou temporal, ou ata reducirse á obra dun artista en concreto, a condición de que se produzan unhas formas artísticas claramente definitorias. Actualmente enténdese como estilo aquela calidade que identifica a forma de traballar, de expresarse ou de concibir unha obra de arte por parte do artista, ou ben, en sentido máis xenérico, dun conxunto de artistas ou obras que teñen diversos puntos en común, agrupados xeográfica ou cronoloxicamente.[5]

Tamén cabe ter en consideración para o estudo histórico da pintura a súa clasificación en diversos xéneros: un xénero artístico é unha especialización temática en que se adoitan dividir as diversas artes. Na actualidade considéranse como principais xéneros pictóricos: retrato e autorretrato, espido, bodegón e vanidades, paisaxe e mariña, pintura de mitoloxía, pintura de historia, pintura relixiosa e pintura de xénero.[6] Para rematar, cabo ter en conta os distintos procedementos técnicos empregados en pintura: acrílico, técnica pictórica onde ao colorante engádeselle un aglutinante plástico; acuarela, técnica realizada con pigmentos transparentes diluídos en auga, con aglutinantes como a goma arábiga ou o mel, usando como branco o do propio papel; augada ou gouache, técnica similar á acuarela, con cores máis espesas e diluídos en auga ou cola mesturada con mel; fresco, realizado sobre un muro revogado de cal húmida e con cores diluídas en auga de cal; miniatura, decoración de manuscritos con láminas de ouro e prata, e pigmentos de cores aglutinadas con cola, ovo ou goma arábiga; óleo, técnica que consiste en disolver as cores nun aglutinante de tipo oleoso (aceite de lináceas, noz, améndoa ou abelá; aceites animais), engadindo augarrás para que seque mellor; pastel, lapis de pigmento de diversas cores minerais, con aglutinantes (caolín, xeso, goma arábiga, látex de figo, cola de peixe, azucre candi etc.), amasado con cera e xabón de Marsella e cortado en forma de barriñas; temple, pintura realizada con cores diluídas en auga temperada ou engrosada con aglutinantes con base de cola (xema de ovo, caseína, cola de figueira, cereixa ou cirola).[7]

  1. Bruce Cole; Adelheid M. Gealt (15 de decembro de 1991). Simon and Schuster, ed. Art of the Western World: From Ancient Greece to Post Modernism. ISBN 978-0-671-74728-2. Consultado o 8 de setembro de 2011. 
  2. Tatarkiewicz (2000), vol. I, p. 318.
  3. Tatarkiewicz (2002), p. 45.
  4. Tatarkiewicz (2002), p. 46-48.
  5. Souriau (1998), p. 540-541.
  6. Souriau (1998), p. 612.
  7. Fuga (2004), p. 92-132.

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy