Historia do pensamento evolucionista

A árbore da vida do libro de Ernst Haeckel A evolución do home (1879) ilustra da visión que se tiña no século XIX da evolución como proceso progresivo que conduce ao home.[1]

A historia do pensamento evolucionista trata das distintas concepcións que houbo sobre o cambio das especies biolóxicas co paso do tempo, as cales teñen as súas raíces na antigüidade, nas ideas dos antigos gregos, romanos, e chineses e na ciencia medieval islámica. Co comezo da moderna taxonomía biolóxica a finais do século XVII, o pensamento evolucionista occidental estivo influenciado por dúas ideas opostas: o esencialismo, a crenza de que cada especie ten características esenciais que son inalterables, un concepto que se desenvolvera a partir da metafísica aristotélica medieval, e que concorda moi ben coa teoloxía natural; e o desenvolvemento dun novo enfoque antiaristotélico da ciencia moderna, xa que a medida que avanzaba a Ilustración, estendeuse a cosmoloxía evolucionista e a filosofía mecánica das ciencias físicas á historia natural.

Os naturalistas empezaron a interesarse pola variabilidade das especies, e o xurdimento da paleontoloxía e o seu concepto de extinción minou as visións tradicionais da natureza. A inicios do século XIX Jean-Baptiste Lamarck propuxo a súa teoría da transmutación das especies, a primeira teoría completa sobre evolución. Pero moitos naturalistas da época seguían sendo fixistas, é dicir consideraban que as especies eran fixas e inmutables. En 1858 Charles Darwin e Alfred Russel Wallace publicaron unha nova teoría evolutiva, explicada en detalle no libro de Darwin A orixe das especies, publicado en 1859. A diferenza de Lamarck, Darwin propuxo a ascendencia común e a ramificación da árbore da vida, que significaban que dúas especies distintas podían ter un antepasado común. Darwin baseou esta teoría na idea de selección natural, a cal sintetizaba un amplo conxunto de probas desde a gandería, a bioxeografía, a xeoloxía, a morfoloxía e embrioloxía.

O debate sobre os traballos de Darwin levou a unha rápida aceptación do concepto xeral de evolución, pero o mecanismo específico que el propuxera, a selección natural, non foi amplamente aceptado ata que foi revitalizado polos descubrimentos en bioloxía que ocorreron durante as décadas de 1920 a 1940. Antes dese período a maioría dos biólogos consideraban que eran outros factores os responsables da evolución. Propuxéronse alternativas á selección natural durante a chamada "eclipse do darwinismo" (entre 1880 e 1920), como a herdanza dos caracteres adquiridos (neolamarckismo), un impulso innato ao cambio (ortoxénese) e grandes e súbitas mutacións (saltacionismo). A xenética mendeliana, baseada nunha serie de experimentos realizados por Gregor Mendel no século XIX con distintas variedades de chícharos e redescuberta en 1900, foi integrada xunto coa selección natural por Ronald Fisher durante o período das décadas de 1910 a 1930 na teoría cromosómica da herdanza, e xunto con J. B. S. Haldane e Sewall Wright fundou a nova disciplina da xenética de poboacións. Durante as décadas de 1930 e 1940 a xenética de poboacións integrouse noutras ramas da bioloxía, orixinando unha teoría da evolución amplamente aplicable que comprende gran parte dos coñecementos biolóxicos, e que se denomina síntese evolutiva moderna.

Despois do establecemento da bioloxía evolutiva, os estudos das mutacións e a diversidade xenética en poboacións naturais, combinada coa bioxeografía e a sistemática, orixinaron modelos de evolución causais e matemáticos sofisticados. A paleontoloxía e a anatomía comparada pemitiron reconstrucións máis detalladas da historia evolutiva da vida. Despois do xurdimento da xenética molecular na década de 1950, desenvolvéronse os campos da evolución molecular, baseados en secuencias de proteínas e probas inmunolóxicas, e posteriormente incorporáronse estudos de ARN e ADN. A visión da evolución centrada nos xenes apareceu na década de 1960, seguida da teoría neutralista da evolución molecular, suscitando debates sobre o adaptacionismo, a unidade de selección e a importancia relativa da deriva xenética fronte á selección natural como causas da evolución.[2] Ao final do século XX, a secuenciación do ADN permitiu o nacemento da filoxenia molecular e a reorganización da árbore da vida no sistema de tres dominios feita por Carl Woese. Ademais, os factores recentemente recoñecidos da simbioxénese e a transferencia horizontal de xenes introduciron aínda máis complexidade na teoría evolutiva. Os descubrimentos da bioloxía evolutiva fixeron un significativo impacto non só nas ramas tradicionais da bioloxía, senón tamén noutras disciplinas académicas, coma por exemplo na antropoloxía e na psicoloxía, e sobre a sociedade en xeral.[3][4]

  1. Haeckel, Ernst (1879). The Evolution of Man: A Popular Exposition of the Principal Points of Human Ontogeny and Phylogeny 2. Nova York: D. Appleton & Company. p. 189, Ilustración XV: "Pedigree of Man". LCCN 15007537. OCLC 2855202. doi:10.5962/bhl.title.3960. 
  2. Moran, Laurence A. (2006). "Random Genetic Drift". What is Evolution?. Universidade de Toronto. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2006. Consultado o 27 de setembro de 2015. 
  3. Futuyma, Douglas J., ed. (1999). "Evolution, Science, and Society: Evolutionary Biology and the National Research Agenda" (PDF) (Resumo executivo). Rutgers, The State University of New Jersey. OCLC 43422991. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 31 de xaneiro de 2012. Consultado o 24 de outubro de 2014. 
  4. Futuyma, Douglas J.; Meagher, Thomas R., eds. (2001). "Evolution, Science and Society: Evolutionary Biology and the National Research Agenda". California Journal of Science Education (California Science Teachers Association) 1 (2): 19–32. ISSN 1531-2488. OCLC 425607451. 

From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by Tubidy