Hochseeflotte

Hochseeflotte
Tipofrota
Data de fundación1907
Data de disolución1918
PaísImperio Alemán
editar datos en Wikidata ]
Dreadnoughts da Hochseeflotte.

A Hochseeflotte (en galego: frota de mar a fóra) foi a frota de batalla da Mariña Imperial alemá que participou durante a primeira guerra mundial. Foi creada en febreiro do ano 1907 cando a Heimatflotte pasou a chamarse Hochseeflotte. O almirante Alfred von Tirpitz foi o arquitecto da frota; imaxinou unha forza o suficientemente poderosa como para desafiar o predominio da Royal Navy. O káiser Guillerme II, o emperador de Alemaña, defendeu a frota como o instrumento co cal se apoderaría de territorios de ultramar e faría de Alemaña unha potencia mundial. Ao concentrar unha potente frota de combate no mar do Norte, mentres que a Royal Navy estaba obrigada a dispersar as súas forzas ao longo de todo o Imperio Británico, Tirpitz cría que Alemaña podería acadar un equilibrio de forzas que danaría seriamente a hexemonía naval británica. Este foi o corazón da "Teoría do risco" de Tirpitz, que sostiña que o Reino Unido non desafiaría a Alemaña se a frota desta última lle supuña unha significativa ameaza.

O principal compoñente da frota foron os seus acoirazados, tipicamente organizados en escuadróns de oito barcos, aínda que tamén tiñan outras formacións, como o 1º grupo de exploración. No momento da súa creación en 1907, a Hochseeflotte estaba formado por dous escuadróns de acoirazados, e cara 1914 fora engadido un terceiro. A revolución do dreadnought en 1906 afectou en gran medida á composición da frota; os 24 pre-dreadnoughts da frota foron declarados obsoletos e requiríase a súa substitución. Suficientes dreadnoughts para encher dous escuadróns foron completados para o estoupido da guerra a mediados de 1914; os oito pre-dreadnoughts máis modernos foron usados para constituír un terceiro. Dous escuadróns adicionais de buques máis vellos foron mobilizados ao inicio das hostilidades, aínda que cara ao final da guerra esas formacións foron disoltas.

A frota levou a cabo unha serie de incursións no mar do Norte durante o conflito, deseñadas para atraer a unha porción da numericamente superior Grand Fleet británica. Esas operación usaron frecuentemente os rápidos cruceiros de batalla do 1º grupo de exploración para atacar a costa británica como cebo para a Royal Navy. Esas accións culminaron na batalla de Xutlandia entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916, onde a Hochseeflotte enfrontouse a toda a Grand Fleet. A batalla non foi concluínte, pero os británicos venceron estratexicamente, xa que convenceu ao almirante Reinhard Scheer, o comandante da frota alemá, de que incluso un resultado moi favorable nunha acción da frota non aseguraría a vitoria alemá na guerra. Scheer e outros dos principais almirantes recomendaron entón ao káiser retomar a campaña de guerra submarina sen restricións. A responsabilidade principal da Hochseeflotte en 1917 e 1918 foi a de asegurar as bases navais alemás no mar do Norte para as operacións dos U-boat. Porén, a frota continuou levando a cabo incursións no mar do Norte e destacou unidades para operacións especiais no mar Báltico contra a frota báltica rusa. Tras a derrota alemá en novembro de 1918, os aliados internaron a meirande parte dos barcos da Hochseeflotte en Scapa Flow, onde finalmente foron afundidos polos seus propios tripulantes en xuño de 1919, días antes de que se asinase o Tratado de Versalles.


From Wikipedia, the free encyclopedia · View on Wikipedia

Developed by razib.in