Unha hormona esteroide é un esteroide que actúa como hormona. As hormonas esteroides poden agruparse en cinco grupos atendendo ao receptor ao que se unen, que son: glicocorticoides, mineralocorticoides, andróxenos, estróxenos, e proxestáxenos. Os derivados da vitamina D poden considerarse un sesto sistema de hormonas estreitamente relacionado cos anteriores con receptores homólogos. Teñen algunhas das características dos verdadeiros esteroides como ligandos receptores.
As hormonas esteroides contribúen a controlar o metabolismo, inflamación, funcións inmunitarias, o equilibrio de sales e auga no corpo, o desenvolvemento das características sexuais e funcións reprodutivas, e a capacidade de soportar enfermidades e lesións. Utilízase a denominación esteroide tanto para as hormonas producidas polo corpo coma para as utilizadas como medicamentos producidas artificialmente que imitan a acción dos esteroides naturais.[1][2][3]