A hormona luteinizante (LH) ou lutropina[1] é unha hormona peptídica producida pola adenohipófise ou pituitaria anterior. Nas mulleres un aumento agudo da concentración de LH desencadea a ovulación e o desenvolvemento do corpo lúteo. Nos homes, nos que a hormona recibiu tamén o nome de hormona estimulante das células intersticiais (ICSH),[2] estimula a produción de testosterona nas células de Leydig. A LH actúa sinerxicamente coa hormona estimulante dos folículos (FSH).
A liberación de LH na hipófise ou pituitaria está controlada por pulsos de hormona liberadora da gonadotropina (GnRH) segregada no hipotálamo. Eses pulsos, á súa vez, están suxeitos á retroalimentación dos estróxenos producidos polas gónadas.