Hugin e Munin son, na mitoloxía nórdica, un par de corvos asociados co deus Odín. Hugin e Munin viaxaban ao redor do mundo coñecido como Midgard escolmando as novas e recompilando información para Odín. Os datos sobre Hugin en Munin encóntranse nas Eddas, compilacións de poemas do século XIII, principais fontes do actual coñecemento da mitoloxía nórdica; na Edda en prosa e no Heimskringla, escritos no século XIII por Snorri Sturluson; no Terceiro Tratado Gramatical, compilado no século XIII por Óláfr Þórðarson; e na poesía dos escaldos.
Ambas as aves eran enviadas á alba a recoller información e regresaban pola tarde. Pousábanse nos ombreiros do deus e rumoreaban todas as noticias. O nome Hugin provén do nórdico antigo Huginn e significa "pensamento",[1] mentres que Munin significaría en nórdico antigo "memoria"[2] ou "mente".[3]
Na Edda poética, un Odín disfrazado expresa o seu temor pola hipótese de que non poidan regresar dos seus voos diarios. A Edda en prosa explica que Odín é coñecido como "deus-corvo" debido á súa asociación con Hugin e Munin. Tanto na Edda prosaica como no Terceiro Tratado Gramatical, os dous corvos son descritos pousados nos ombreiros de Odín. No Heimskringla, detállase que Odín dera a Hugin e a Munin a capacidade de falar.
Outros retratos de Odín cos corvos poden encontrarse en bracteatas douradas do período das migracións, en placas do casco da Era de Vendel, nun par de broches idénticos en forma de ave da idade do ferro xermánica, en obxectos da Era viquinga representando a un home de bigote con casco e unha parte do século X ou XI da Cruz de Thorwald. O papel de Hugin e Munin como mensaxeiros de Odín tense asociado a prácticas xamánicas, ao estandarte do corvo nórdico, ao simbolismo xeral do corvo entre os pobos xermánicos, e aos conceptos nórdicos de fylgja e de hamingja.